Novas de Cooperación Galega
08/04/2008
Xeral

A COOPERACIÓN GALEGA COS POBOS DO SUR ACHÉGASE A 13 COMARCAS DE TODA GALICIA

A campaña “Achégate!” levará as iniciativas da Cooperación Galega a todos os recunchos de Galicia visitando 13 centros comarcais nos vindeiros 14 meses, grazas á colaboración entre a Dirección Xeral de Cooperación Exterior e a Sociedade Galega de Desenvolvemento Comarcal.A sensibilización da cidadanía galega é “un obxectivo estratéxico” da Xunta de Galicia, asegurou a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, na presentación da nova campaña. Divulgar a situación dos países en desenvolvemento é imprescindible, na súa opinión, como “aliciente na loita contra a pobreza” e para “incentivar a participación nas iniciativas solidarias”.Nesta oportunidade, contan coa colaboración da Sociedade Galega de Desenvolvemento Comarcal, que facilitará o aproveitamento dos seus centros comarcais, e coa participación de ONG locais, para achegar as mensaxes da iniciativa á poboación rural galega nos anos 2008 e 2009.  Deste xeito, a maioría da cidadanía das comarcas galegas poderán participar dunha mostra que xa visitaron miles de persoas nas cinco principais cidades galegas o ano pasado.Trátase dunha exposición fotográfica na que se amosan os proxectos que se están a desenvolver nos diferentes países onde traballa a Cooperación Galega en África e América Latina, ademais de diferentes reportaxes gráficas, que achegan eses programas dun xeito visual. Tamén, serán convidados as escolas da zona para que as máis cativas e cativos poidan asistir a unha sesión de contacontos que amenizará a xornada cun repertorio de historias solidarias.AXENDA DA CAMPAÑAA campaña Achégate! permanecerá dúas semanas en cada centro, nas seguintes datas: Viveiro (do 15 ao 30 de abril), Palas de Rei (do 16 ao 29 de maio), Cambados (do 16 ao 29 de xuño), Castro Caldelas (do 1 ao 15 de xullo), Monforte (do 1 ao 16 de agosto), Pobra de Trives (do 26 de agosto ao 11 de setembro), A Cañiza (do 16 ao 30 de setembro), O Carballiño (do 3 ao 19 de outubro), Vilanova dos Infantes (do 1 ao 15 de decembro), Buño (do 17 ao 31 de decembro), O Barco de Valdeorras (do 15 ao 31 de xaneiro do 2009), Ordes (do 3 ao 17 de febreiro do 2009) e A Estrada (do 1 ao 15 de xuño do 2009).