Novas de Cooperación Galega
13/04/2008
Xeral

COOPERACIÓN GALEGA INAUGURA EN BOS AIRES O INSTITUTO PARA O DESENVOLVEMENTO E A INNOVACIÓN EDUCATIVA

O Secretario Xeral de Relacións Exteriores, Julio Fernández Mato, inaugurou hoxe en Bos Aires o Instituto de Desenvolvemento e Innovación Educativa (IDIE) da Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (OEI), acompañado polo Ministro de Educación arxentino, Juan Carlos Tedesco, polo Presidente da OEI, Álvaro Marchesi e polo Embaixador de España en Arxentina, Rafael Estrella. Este proxecto foi financiado a traveso da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, co apoio técnico da Consellería de Educación. O Goberno galego destina 200.000 euros a este programa de cooperación educativa no que tamén participa o Ministerio de Educación do goberno arxentino.

Julio Fernández, destacou no seu discurso, a importancia da Educación como prioridade sectorial dentro dos eixes de actuación da Cooperación Galega, salientando a mesma como Dereito Fundamental e como “o único modo de dotar o ser humano de criterio, e o criterio como único camiño para poder elixir e decidir en liberdade”.

O IDIE nace coa idea de promover a modernización do modelo de cooperación nos países preferentes da cooperación galega en América Latina. Estes países, atópanse nun segundo nivel no destino das axudas tralos países prioritarios marcados no Plan Director da Cooperación Galega, estes últimos posúen un nivel inferior no denominado Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) establecido no informe que as Nacións Unidas publica cada ano a traveso do PNUD.

Os países preferentes, países de renda media segundo o mencionado índice e dado o seu nivel de desenvolvemento, posúen unha maior capacidade de apropiación do Know How e de desenvolvemento de competencias técnicas, así son idóneos para recibir proxectos de transferencia de coñecementos e tecnoloxías. O proxecto, posúe ademais, importantes posibilidades de intervención técnica ante as autoridades arxentinas, converténdose nun referente de cooperación do país e de comunicación con outras instancias internacionais, pola súa gran capacidade de proxección, recoñecemento e visibilidade externa.

Principais obxectivosAtendendo ás necesidades específicas de Arxentina, os catro eixes temáticos de actividade do IDIE son: a apoio á educación infantil, aos dereitos da infancia, á educación en valores e para a cidadanía; a alfabetización, e a formación e desenvolvemento profesional do profesorado.   Os mecanismos de traballo fundamentais estarán centrados na xestión do coñecemento, incluíndo a divulgación de información e boas prácticas, para incrementar a sensibilización social, política e técnica arredor da problemática educativa; a asistencia técnica a instancias gobernamentais e non gobernamentais para dinamizar o compromiso de mobilización para a mellora da calidade do sistema educativo. O deseño  dunha oferta formativa destinada a funcionarios, expertos e docentes, é outro dos eixes do proxecto. 

AliñamentoO Ministro de Educación arxentino, Juan Carlos Tedesco, cunha importante traxectoria na docencia e na investigación en temas educativos, ten tamén no seu haber unha profusa experiencia na xestión tanto na Arxentina como en diversos organismos internacionais do sector. Afirma con convicción que a educación ten que contemplarse coma unha inversión continua, con resultados no medio e longo prazo, e que o reto actual no seu país é o incremento da calidade que permita á Educación converterse nunha ferramenta para a superación da fragmentación e a desigualdade da sociedade arxentina. 

OEIA Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (OEI) é a entidade responsable da convocatoria e desenvolvemento das Conferencias Iberoamericanas de Educación, polo que conta co respaldo político e técnico en materia de educación na rexión de latinoamericana, sendo unha entidade de referencia para o encargo de Programas Educativos por parte do Cumio de Presidentes e Xefes de Estado e de Goberno. Actualmente a OEI é co-responsable do deseño e xestión do Plan Iberoamericano de Alfabetización.