Novas de Cooperación Galega
04/06/2008
Xeral

COOPERACIÓN GALEGA MANTÉN O PULO POLA SENSIBILIZACIÓN COA EMISIÓN DUNHA REPORTAXE SOBRE PERÚ

 

Perú é un dos países prioritarios para a cooperación galega. Este país ten unha poboación estimada en 28 millóns de persoas, dos que grandes sectores atópanse en situación de exclusión social e política, sobre todo nos departamentos do interior, e maiormente a poboación rural e indíxena. A pobreza afecta a máis da metade da poboación, e a extrema pobreza afecta ao 25%. 

SENSIBILIZACIÓN

O obxectivo desta reportaxe, realizada e producida pola TVG co apoio da dirección xeral de Cooperación Exterior, encádrase na estratexia de sensibilización incluída no I Plan Director da Cooperación Galega, xa que a difusión da situación dos países en desenvolvemento é imprescindible, non só coma instrumento para aumentar os nosos esforzos na loita contra a pobreza, senón tamén para incentivar a implicación e a participación da cidadanía galega nas iniciativas solidarias. Asemade, perséguese a análise, xa non das consecuencias, senón das causas de dita pobreza.

PROXECTOS EN PERÚ

A emisión deste sábado centrarase nos proxectos que a Cooperación Galega está a desenvolver en Perú. En Chiriaco, na zona do Amazonas, dende o ano 2005 se veñen financiando diversas accións no eido de fortalecemento educativo (primaria, secundaria e formación técnica) para alumnas e alumnos aguarunas – huambisa, cun enfoque específico de xénero a través de Taller de Solidariedade e as Siervas de San José. Nesta zona, sempre cun decidido enfoque de xénero, estase a formular un programa de cooperación integral no que ademais do eido educativo se contemplan actuacións no eido de desenvolvemento produtivo, formación técnica, fortalecemento institucional e infraestruturas. 

Na costa Norte de Perú, na Baía de Sechura (Piura), ESCAES está a desenvolver o proxecto "Manexo sostible de recursos hidrobiolóxicos co desenvolvemento humano e social dos extractores de mariscos”.  Este proxecto pretende reforzar os procesos técnico - produtivos e a xestión organizativa,  así como a mellora das condicións de produción que repercutan no incremento do benestar social das familias dependentes desta actividade.

Tamén na rexión de Piura e en colaboración con AECID, se desenvolve outro proxecto de Desenvolvemento Rural orientado ao desenrolo sostible da área, implicando un traballo concertado coas municipalidades e a sociedade civil. O obxectivo é mellorar a calidade de vida da poboación das marxes do río Chipillico, mediante a obtención de maiores ingresos como resultado dunha oferta competitiva, froito do uso de tecnoloxías adecuadas para o melloramento da produción de gando, derivados con valor engadido e acceso á auga de rego. Nesta zona tamén se está comezando a  desenvolver o Programa "Xestión integral da Conca Chipillico 2008-2011" financiado e formulado dende a Xunta de Galicia.

Na fronteira con Ecuador, en Ayabaca, xunto con Axuda en Acción e ESCAES Perú, a Xunta de Galicia está a financiar un programa integral de desenvolvemento no marco do programa de integración binacional na fronteira entre Perú e Ecuador. Este programa incide nos aspectos de vivenda saudable, obradoiros de alfabetización e de desenvolvemento produtivo.