Novas de Cooperación Galega
05/05/2008
Xeral

COOPERACIÓN GALEGA SOSTÉN 31 NOVOS PROXECTOS NO ANO 2008

A directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, Fabiola Sotelo, anunciou hoxe a adxudicación de 4.131.500 euros a 28 ONGD e Outros Axentes de Cooperación no ano 2008 para desenvolver 31 proxectos destinados ao desenvolvemento de máis de dous millóns de persoas en 15 países de África e América Latina.

Canda a resolución dos proxectos de cooperación exterior, os axentes de cooperación recibiron tamén a adxudicación das convocatorias de formación e sensibilización en materia de desenvolvemento (369.024 euros para 23 accións) e de consolidación e fortalecemento das ONGD (225.290 euros para 13 organizacións).

Calidade dos proxectosA resolución destas convocatorias para execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior realizadas por ONGD e outros axentes (sindicatos, empresas, universidades...), representa un 34% dos orzamentos de toda a Cooperación Galega para este ano 2008, que ascenden a un total de 12.085.069 euros, un 28% máis que no pasado exercicio.

Sotelo salientou a calidade dos proxectos presentados este ano sinalando o aumento progresivo do importe medio das actuacións. Dunha media de 91.625 euros por proxecto no ano 2006, pasouse a outra de 133.274 euros no 2008, un incremento do 45,4% que expresa “unha proxección crecente, e unha aposta polo aumento do impacto” das iniciativas da Cooperación Galega, segundo a directora xeral.

Importancia dos países menos avanzadosSeguindo as directrices do Plan Director de Cooperación Galega 2006-2009, o 22,5% dos recursos da convocatoria (929.022 euros) destínanse a países prioritarios dos menos avanzados, ou PMA segundo o Índice de Desenvolvemento Humano establecido polo PNUD, con proxectos de desenvolvemento en países da África Subsahariana coma son Senegal, Mozambique, Angola e Guinea Bissau. Antes da posta en marcha daquel Plan Director, Galicia dedicaba o 8,4% da súa cooperación exterior ao pobos mais pobres do planeta.

A maioría dos proxectos desenvólvense en América Latina, onde os axentes galegos da Cooperación contan con mais capacidade de actuación. O 42,4% das iniciativas sustentadas este ano localízanse en América Central e Caribe (Nicaragua, Honduras, O Salvador, Guatemala, República Dominicana, Cuba e Haití,); e o 41,4% das accións xestiónanse na América do Sur (en Bolivia, Ecuador e Perú).O 85,6% dos investimentos desta convocatoria, 3.536.132 euros, destínanse a mellorar a cobertura das necesidades sociais básicas, saúde e educación (18 proxectos), mais a promover o desenvolvemento económico (12 proxectos) con iniciativas sustentables, de economía social e cooperativa, en sectores vitais coma o agroindustrial.

Máis de dous millóns de persoas beneficiaranse destas accións. 2.024.879, de xeito indirecto, e 261.990, directamente. Da poboación beneficiaria directa a metade serán mulleres, seguindo unha “prioridade transversal” do Plan Director de Cooperación Galega, que salienta a promoción da igualdade entre mulleres e homes.Novas iniciativasSegundo explicou Fabiola Sotelo, ademais desta convocatoria, os axentes da Cooperación Galega poderán presentarse a outras dúas, de nova creación, que se adxudicarán nos vindeiros meses da primavera. Unha delas é a de subvencións para a realización de programas de cooperación por ONGD, dotada con tres millóns de euros, e destinada a financiar iniciativas con tres ou catro anos de continuidade. A outra é a de microproxectos de ONGD, dotada con 200.000 euros, e destinada a financiar ata 25.000 euros por proxecto de organizacións que non reciban fondos das demais convocatorias.