A DIRECCIÓN XERAL DE COOPERACIÓN E MÉDICOS DO MUNDO COLABORAN PARA A DIFUSIÓN DA CAMPAÑA “O XOGO DO SEXO...INFANCIA SEN RISCO DE EXPLOTACIÓN SEXUAL E COMERCIAL DO SALVADOR”
A Dirección Xeral de Cooperación Exterior do Goberno galego e maila organización Médicos do Mundo de Galicia están a colaborar na campaña “O xogo do sexo.. infancia sen risco de explotación sexual do Salvador” para achegar á sociedade galega a situación de exclusión e explotación na que viven os nenos da rúa de San Salvador.
A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, e maila responsable de Médicos do Mundo en Galicia, Nieves Turienzo, presentaron esta mañá en rolda de prensa o programa de charlas e actividades que se desenvolverán en toda Galicia ata o mes de xuño de 2007. Esta campaña ten como finalidade axudar a que se cumpran os Dereitos Humanos, especialmente os dos menores en risco de explotación sexual comercial no Salvador.
Dentro da primeira fase desta actuación, celebrarase mañá á tarde unha conferencia na Aula Sociocultural de Caixa Galicia en Santiago (Carreira do Conde, 18 ). A directora do proxecto que se vén desenvolvendo dende o ano 2001, Leticia Herrera, falará das actuacións que se puxeron en marcha para reducir a incidencia da explotación sexual infantil na cidade do Salvador, logo da solicitude de axuda do propio Concello naquel ano. Segundo manifestou na rolda de prensa, “trátase de sensibilizar á sociedade galega dando testemuña dos casos reais cos que cada día traballan e denunciar a situación que, aínda que vai mellorando, se mantén en moitos lugares aínda”. O vindeiro venres desprazaranse ata Vigo, onde pronunciarán o relatorio ás 19,00 horas na sede da Fundación Caixa Galicia (Policarpo Sanz).
Na segunda fase da campaña consiste en manter encontros con diversas organizacións non gobernamentais, profesionais e grupos políticos que traballen directamente con problemas de prostitución e pola defensa dos seus dereitos fundamentais para elaborar unha unidade didáctica que se utilizará en sesións de traballo con profesores e alumnado de diferentes centros educativos de secundaria de toda Galicia. Para a realización desta campaña, a Xunta de Galicia achega unha subvención de 14.992 euros.
Sensibilización e educación A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, asegurou na súa intervención que o obxectivo desta campaña que está a financiar o seu departamento “é contribuír a garantir o cumprimento dos Dereitos Humanos e os dereitos dos menores en risco de explotación sexual no Salvador”. “Temos como obxectivo estratéxico e prioritario realizar unha política activa e integral de fomento do coñecemento das desigualdades no mundo e de sensibilización da poboación galega”, remarcou Sotelo. Neste sentido, engadiu que “a comunicación desta realidade e fundamental” e incidiu especialmente nas actuacións na área de Educación, “para que todos os nenos e nenas galegas coñezan e saiban da pobreza no mundo”. “Eles son o futuro e a solución”, dixo.
447.000 euros para actuacións de sensibilización en 2006Esta actuación enmárcase dentro das actuacións que o Goberno galego está a desenvolver en materia de sensibilización. A Dirección Xeral de Cooperación exterior destinará este ano 447.000 euros a actividades de sensibilización cidadá respecto dos problemas do subdesenvolvemento, as súas causas e as posibilidades que a sociedade galega ten para contribuír a solucionar esta situación. Este investimento supón o 6,6% das contas totais da Dirección Xeral para este exercicio e remarca a aposta do Goberno galego pola difusión das desigualdades no mundo co gallo de mobilizar á cidadanía cara a unha actitude máis solidaria e implementar unha educación que faga posible o desenvolvemento dos pobos empobrecidos.
Só na súa convocatoria para a concesión de axudas para o financiamento de actividades de sensibilización e formación en temas de cooperación, a Xunta de Galicia achegou este ano 283.000 euros. Deste xeito, contribuirase á realización de 21 proxectos de sensibilización de 19 ONGD´s (Asociación Cultural bicis pola Paz, UNICEF, Fundación Intered, Manos Unidas, Fundación jóvenes del tercer mundo, Médicos del Mundo, Amarante, Axuda en Acción, Acción contra a fame, Solidariedade galega, Fundación Entreculturas fe y alegría, Solidariedade internacional, A cova da terra, Meniños, Cruz Roja, Intermón, Enxeñería sen Fronteiras, Farmacéuticos Mundi e Asamblea de Cooperación por la paz).
Por outra banda, asináronse xa catro convenios con outras organizacións para a realización doutros programas de sensibilización. Así, co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, se está a colaborar no desenvolvemento da campaña Revirando o Milenio, á Coordinadora Galega de ONGD´s, financiáronselles, entre outras, as campañas de 14 mandamentos do Bo Cooperante e a Campaña de loita contra a pobreza -no marco da campaña dos Obxectivos do Milenio-, e se están a poñer en marcha actuacións coas universidades de Santiago de Compostela e A Coruña.