Novas de Cooperación Galega
15/02/2007
Xeral

A DIRECCIÓN XERAL DE COOPERACIÓN EXTERIOR COLABORA CO MINISTERIO DE PESCA DE MOZAMBIQUE PARA MELLORAR O SEU SISTEMA DE BASE DE DATOS

A Dirección Xeral de Cooperación Exterior está  a colaborar co ministerio de Pescas de Mozambique para mellorar o sistema de bases de datos do Instituto de Investigación Pesqueira (IIP) e do Laboratorio de Inspección de Pescado (LIP) do país africano. O obxectivo deste proxecto, enmarcado nas accións de desenvolvemento pesqueiro que está a levar a cabo a AECI en Mozambique,  é nun primeiro momento crear, e posteriormente actualizar un sistema de bases de datos que poida adaptarse as necesidades do persoal destes institutos.

Para isto,  a Dirección Xeral de Cooperación Exterior enviou a Maputo un técnico informático especializado na xestión e mantemento de bases de datos, que terá como obxectivo concluír a instalación e facer operativo o sistema SIRENO, que a pesares de terse creando en anteriores proxectos, non se logrou manter en funcionamento. Entre os seus cometidos encóntrase formar a un equipo de técnicos mozambicanos que aseguren a xestión da base de datos unha vez finalizada a estadía do técnico no país.

Nun primeiro momento introduciranse os datos dispoñibles sobre a pesca artesanal, para posteriormente iniciar o mesmo proceso cos da pesca industrial, especialmente centrados no camarón e na gamba.

Estudo dos recursos pesqueirosEste proxecto complétase coa realización de estudos sobre os recursos pesqueiros na costa de Beira. En concreto levarase a cabo un cruceiro ao longo do Banco de Sofala para a investigación dos recursos pesqueiros do “camarao de superficie” e das condicións ambientais desta zona. Por outra banda adquiriranse novos equipos para o Laboratorio de Inspección de Pescado ao mesmo tempo que se forma a persoal en sistemas de Control de Calidade, de xeito que poidan garantir que os produtos pesqueiros que se comercializan son aptos para o consumo.

Plan Operativo AECIA Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI) e a Xunta de Galicia dedicarán ata finais de 2007 un total de 2.170.000 euros á realización de once proxectos en once países en desenvolvemento. Segundo o texto do Plan, a Xunta e a AECI traballarán conxuntamente ao longo deste bienio para desenvolver 11 proxectos centrados no coidado ambiental, e fundamentalmente, ao desenvolvemento do sector pesqueiro en Bolivia, Cabo Verde, Ecuador, Guatemala, Guinea Bissau, Honduras, Mozambique, Nicaragua, O Salvador, Perú e Senegal. Para a súa posta en marcha, o Goberno galego, a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, achegará 773.532 euros ao longo de 2007.

Este convenio enmárcase dentro do principio de unidade de acción do Goberno español no exterior, incluíndo a participación das Comunidades Autónomas nos seus programas de actuación. Neste caso, a Comunidade galega conta cunha ampla experiencia en pesca e medio ambiente e aposta polas actuacións para combater a pobreza e promover o dereito ao desenvolvemento integral dos países do terceiro mundo.