Novas de Cooperación Galega
15/10/2006
Xeral

A DIRECCIÓN XERAL DE COOPERACIÓN EXTERIOR CONCEDE ESTE ANO AXUDAS POR VALOR DE 180.000 EUROS PARA OITO PROXECTOS DE FORTALECEMENTO E SENSIBILIZACIÓN

 A Dirección Xeral de Cooperación Exterior destinará este ano un total de 180.416 euros en concepto de axudas para oito proxectos de fortalecemento e sensibilización. O obxectivo é contribuír á consolidación e fortalecemento na Comunidade galega de organizacións non gobernamentais de cooperación para o desenvolvemento

As entidades solicitantes destas axudas, todas con domicilio social en Galicia, beneficiaranse destas subvencións, en base aos obxectivos e á viabilidade dos proxectos presentados. A ONGD A Cova da Terra, en consorcio con Bicis pola Paz e Axunica, serán as que reciban a subvención máis alta, cun total de 37.000 euros, seguida por Implicadas no desenvolvemento con 25.000 €, Amarante para o Ecodesenvolvemento e Solidariedade Internacional de Galicia, con 24.000 euros cada unha. As catro restantes, entre as que se atopan Voluntariado Social ROGAS, Amigos da Terra Galicia-Xuventude, Enxeñería sen Fronteiras e Ecos do Sur, recibirán subvencións que flutúan entre os 12.000 e os 19.000 euros.

Dentro dos obxectivos específicos que estas ONGD´s desenvolverán coas subvencións outorgadas, atópanse a expansión territorial, unha maior profesionalización a través da formación do persoal laboral e do voluntariado, campañas de Comercio Xusto nas empresas e institucións públicas, ou o establecemento dun plan de captación de novas socias e socios. Aspiran ademais a promover e dinamizar a elaboración de directrices que lles permita a cada unha delas xestionar o seu fortalecemento.