Novas de Cooperación Galega
31/10/2005
Xeral

A DIRECCIÓN XERAL DE COOPERACIÓN EXTERIOR DA XUNTA DE GALICIA ENVIARÁ DÚAS TONELADAS DE AXUDA HUMANITARIA A PAKISTÁN

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, enviará dúas toneladas de axuda humanitaria a Pakistán para socorrer aos damnificados polo sismo que o pasado 8 de outubro afectou á rexión.

O avión cargado con medicamentos e material potabilizador achegados pola Junta de Andalucía e a Xunta de Galicia, coordinadas pola Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI), sairá mañá do aeroporto de Barajas (Madrid).

A axuda humanitaria remitida polo departamento que dirixe Fabiola Sotelo Sotelo, mobilizarase a través da Axencia Humanitaria de Galicia e consistirá, fundamentalmente, en antibióticos e pastillas potabilizadoras. O material achegado pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior acada un valor global de máis de 30.000 euros.

A zona máis afectada polo sismo de hai tres semanas foi a rexión de Cachemira. A consecuencia deste terremoto, morreron máis de 55.000 persoas e preto de 3,5 millóns quedaron sen fogar en pleno inverno. Ante esta catástrofe, a Xunta de Galicia, a través do seu departamento de Cooperación Exterior, quere facer chegar a súa axuda á zona, sumándose á colaboración do Estado Español.

O Goberno central ten previsto enviar a Pakistán 370 soldados incorporados ás Forzas de Reacción Rápida da OTAN, tralo reclamo de axuda internacional feito polo Executivo paquistaní.