Novas de Cooperación Galega
22/03/2007
Xeral

A DIRECCIÓN XERAL DE COOPERACIÓN EXTERIOR DESTINARÁ NO PRÓXIMO BIENIO 6.020.000 EUROS A SUBVENCIONAR PROXECTOS DE COOPERACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO, SENSIBILIZACIÓN COAS CAUSAS DA POBREZA E FORTALECEMENTO DE ONG

A Xunta destinará nos próximos dous anos 6.020.000 euros a subvencionar proxectos de cooperación para o desenvolvemento e sensibilización da sociedade galega coas causas da pobreza, promovidos por organizacións non gubernamentais de cooperación ao desenvolvemento (ONGDS) e outros axentes de cooperación, como universidades, sindicatos, empresas e comunidades galegas no exterior. Ademais, dentro deste orzamento inclúese un apartado para o fortalecemento das ONGDS con domicilio social en Galicia co que o Goberno galego, a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, pretende potenciar o tecido asociativo da cooperación para o desenvolvemento na nosa comunidade.

Estas axudas canalizaranse a través de catro convocatorias públicas de subvencións: actividades formativas e de sensibilización, proxectos de cooperación ao desenvolvemento no exterior promovidos por ONGDS, proxectos de cooperación ao desenvolvemento no exterior realizados por universidades, sindicatos, empresas e comunidades galegas no exterior, e unha última orientada ao fortalecemento das ONGDS.

Para poder optar a estas subvencións  as ONGDS solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, carecer de ánimo de lucro e ter domicilio social ou delegación permanente en Galicia.                                                       

As organizacións interesadas deben presentar a súa solicitude no prazo dun mes desde a publicación da convocatoria no DOG e a administración contará con tres meses para resolver e notificar as resolucións.

Sensibilización da sociedade galegaDurante os anos 2007 e 2008 a Dirección Xeral de Cooperación Exterior financiará con 400.000 euros, 2.400 euros neste ano e 1.400 no 2008, proxectos que teñan como obxectivo promover a participación social e cidadá nas accións de cooperación para o desenvolvemento , así como fomentar a educación para o desenvolvemento e a sensibilización da sociedade galega na realidade dos pobos máis desfavorecidos. O que se pretende é potenciar unha ética baseada en valores de convivencia pacífica, tolerancia e igualdade entre as persoas, perseguendo a concienciación da opinión pública nesta materia, incidindo na investigación sobre as causas do desenvolvemento.

Nesta convocatoria financiarase como máximo ata un 90% do proxecto, non superando en ningún caso a subvención concedida os 20.000 euros, excepto que o proxecto sexa presentado por varias entidades, o que permitirá que esta cifra ascenda aos 40.000 euros.

Axudas para a realización de proxectos no exteriorDúas das convocatorias públicas de subvencións están orientadas á realización de proxectos de cooperación ao desenvolvemento no exterior, unha destinada a ONGDS e a outra a empresas, sindicatos , universidades e comunidades galegas no exterior. As axudas públicas para a convocatoria de ONGDS ascenden a 3.720.000 euros, 2.232.000 corresponden ao ano 2007 e 1.448.000 euros para o 2008, mentres que a subvención para a realización de proxectos doutros axentes de cooperación é de 1.600.000 euros, 960.000 para este ano e 640.000 no 2008.

Ambas convocatorias teñen como obxectivo axudar na execución dos proxectos que os axentes de cooperación para o desenvolvemento teñen fora do noso país, quedando excluídos destas axudas os programas que teñen como obxecto a axuda humanitaria ou os de carácter puntual, que non poidan asegurar a súa viabilidade  cando cese o financiamento externo. Os proxectos presentados deberán redundar na ampliación das capacidades e liberdades da poboación beneficiaria e ter repercusión práctica na satisfacción das necesidades básicas das persoas máis desfavorecidas das zonas onde se desenvolvan as accións.

Fortalecemento do sector da cooperación galegaA Xunta de Galicia destinará en 2007 e 2008 un total de 300.000 euros a financiar subvencións para a consolidación e fortalecemento das ONGDS con domicilio social en Galicia.                                                  

Estas subvencións teñen como obxectivo promover a formación técnica do persoal, socios e voluntarios das ONGDS, mediante o financiamento de seminarios e obradoiros. Incidirase na formación arredor da mellora da xestión das ONGD sobre os diferentes aspectos técnicos das fases dun proxecto de desenvolvemento e verbo de técnicas de comunicación externa ou de relación cos medios de comunicación.

Terase tamén en conta o deseño e a realización de campañas e actividades de sensibilización, educación para o desenvolvemento e consumo responsable, valorándose especialmente as estratexias que recollan a realización de actividades no medio rural.

Estas actuacións enmárcanse dentro do Plan Anual da Cooperación Galega de Cooperación para 2007, que vén de ser aprobado recentemente polo Consello da Xunta, e que marca dentro das súas prioridades a mellora da calidade técnica e operativa do sector, a ampliación e ordenación dos instrumentos da cooperación galega, a procura de sinerxías cos sectores galegos con experiencia de valor e a elaboración dos documentos estratéxicos de intervención por país.