Novas de Cooperación Galega
23/05/2007
Xeral

A DIRECCIÓN XERAL DE COOPERACIÓN EXTERIOR E A UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA COLABORARÁN NA INVESTIGACIÓN ECOLÓXICA DAS ESPECIES DE VIBRIO NA COSTA DE PERÚ

O Goberno galego, a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, apoiará os traballos de investigación ecolóxica na costa de Perú para o coñecemento da influencia do océano na dispersión de certas enfermidades. Con esta finalidade a Xunta de Galicia, achegará 253.000 euros nos vindeiros tres anos. O Consello da Xunta deu, na súa reunión deste xoves, o seu visto e prace á sinatura dun convenio de colaboración entre o Goberno galego e a Universidade de Santiago de Compostela para apoiar a investigación ecolóxica das especies de vibrio na costa do Perú e as súas implicacións epidemiolóxicas.

O convenio recolle que a Xunta achegará 253.000 euros nos vindeiros tres anos a un proxecto levado a cabo polo Instituto de Acuicultura da Universidade de Santiago de Compostela, que ten como finalidade avaliar os cambios nas poboacións de vibrio, durante e despois dun episodio do fenómeno de El Niño nas costas peruanas. Deste xeito preténdese establecer o risco que pode supoñer na saúde pública as variacións deste tipo de bacterias mariñas causantes de diversas enfermidades, entre elas ocólera.

O Instituto de Acuicultura da Universidade de Santiago de Compostela ten unha ampla experiencia na investigación da contaminación mariña en outras zonas do mundo, como no caso de Honduras onde colaborou coa AECI nun proxecto sobre o impacto da contaminación nas zonas costeiras.

Transferencia de coñecementos: formación do persoal técnico localUnha das liñas de actuación da Dirección Xeral de Cooperación Exterior enmárcase nos proxectos de transferencia de coñecementos e tecnoloxía, a través dos cales se pretende que técnicos do país beneficiario absorban o know how en materias nas que Galicia pode achegar a súa bagaxe e desenvolvemento tanto científica como técnica; neste senso é fundamental a alianza que se establece entre a cooperación galega e as universidades e demais centros de estudos especializados.

O xénero vibrio está composto por un grupo de especies que son habitantes naturais do medio acuático. Delas as V. Cholerae e V. Parahaemolyticus son as máis importantes desde o punto de vista sanitario, xa que son as responsables dun importante número de transmisións de infeccións a nivel mundial.

Así, mediante este proxecto preténdese apoiar a investigación a prol da protección e mellora da calidade do ambiente, formando o persoal técnico peruano implicado no estudo de mostras ambientais e clínicas das especies de Vibrio. Para conseguir estes obxectivos capacitarase o dito persoal na utilización das técnicas analíticas convencionais e moleculares desenvolvidas durante os últimos anos nos laboratorios da Universidade de Santiago de Compostela para o coñecemento de poboacións demicroorganismos.

Co fin de avaliar a presenza deste organismo no medio mariño peruano, durante tres anos consecutivos, realizarase un estudo sobre a incidencia do V. Cholerae e do V. Parahaemolyticus en zonas da costa localizadas no norte, centro e sur do país. Os resultados obtidos integraranse con datos ambientais e oceanográficos, elaborándose modelos matemáticos que permitan coñecer os factores ambientais que favorecen a presenza deste microorganismo nas diferentes áreas. Así, poderanse establecer modelos de predición da contaminación que minimicen os riscos de infecciónasociada ao consumo de produtos infectados por este tipo de bacteria.