Novas de Cooperación Galega
29/08/2007
Xeral

A DIRECCIÓN XERAL DE COOPERACIÓN EXTERIOR FINANCIA 24 PROXECTOS DE SENSIBILIZACIÓN

A Dirección Xeral de Cooperación Exterior destina un total de 358.765 euros ao financiamento de 24 proxectos de sensibilización, formación e educación que desenvolverán as ONGD co fin de concienciar e sensibilizar á poboación galega sobre a realidade dos países menos favorecidos e a necesidade de loitar contra as causas que orixinan a pobreza. O contido destes proxectos está dispoñible na web de Cooperación Galega (www.cooperaciongalega.org).

Co gallo da celebración mañá do Día Internacional da Solidariedade, o departamento que dirixe Fabiola Sotelo quere incidir na responsabilidade que os países desenvolvidos teñen sobre a situación das zonas máis desfavorecidas e na necesidade de implicar á sociedade na procura dun desenvolvemento integral e sostible.  Estes programas, que se porán en marcha a partir do mes de setembro e continuarán ao longo do 2008, inclúen a realización de aproximadamente 35 actividades formativas como cursos e obradoiros, preto de 70 actividades divulgativas nas que se inclúen foros, seminarios, conferencias, congresos, charlas, encontros e xornadas temáticas, a organización de aproximadamente 70 exposicións, a distribución de material didáctico e multimedia, a creación de 4 webs de temática solidaria e a celebración dunhas 200 sesións de contacontos dirixidos ás nenas e nenos.  Estas accións completaranse ademais con programas de divulgación na rúa, actividades de  formación do profesorado, a creación de servizos para facilitar o préstamo e consulta de documentos e libros solidarios, visitas a proxectos sobre o terreo e, mesmo, a realización de obras de teatro.

Situación da muller e da infanciaUnha grande parte destes proxectos teñen como obxectivo concienciar á poboación galega sobre a situación da infancia, as mozas e mozos e as mulleres nos países menos favorecidos. Así, están previstas campañas de sensibilización no ámbito educativo para dar a coñecer os problemas das nenas e nenos, programas para explicar a realidade da muller en diferentes rexións do mundo así como para fomentar a igualdade de xénero. Tamén se desenvolverán accións encamiñadas a promover o consumo responsable e a difusión de sistemas económicos e comerciais baseados na xustiza social e no comercio xusto. Aínda que estes proxectos están dirixidos a cidadanía galega en xeral, se fará especial fincapé no ámbito educativo, onde se realizarán accións específicas co fin de promover unha conciencia solidaria entre as mozas e mozos.

Programas de cooperación exteriorOs programas de sensibilización súmanse aos 42 proxectos de cooperación exterior en América e África financiados pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior na convocatoria 2007 e que se canalizan a través de universidades, ONGD, empresas e sindicatos. O obxectivo é contribuír sobre o terreo ao desenvolvemento integral e mellorar as condicións de vida dos países máis empobrecidos.  Por outra banda, e na liña de achegar a cooperación ao ámbito educativo, a Dirección Xeral de Cooperación Exterior puxo en marcha un catálogo de recursos educativos, organizado por áreas temáticas, que permitirá completar a formación da materia da educación para a cidadanía que se impartirá nas escolas, así como achegar a realidade destes países e as accións de cooperación internacional que Galicia está a desenvolver no exterior.