Novas de Cooperación Galega
28/03/2007
Xeral

A DIRECCIÓN XERAL DE COOPERACIÓN EXTERIOR PRESENTA NUN ENCONTRO TÉCNICO CON MEMBROS DO SECTOR AS CONVOCATORIAS DE PROXECTOS DE COOPERACIÓN, SENSIBILIZACIÓN E FORTALECEMENTO DE ONGD

A Dirección Xeral de Cooperación Exterior presentou hoxe aos membros do sector da cooperación galega as catro convocatorias a través das cales se financiarán proxectos de cooperación e sensibilización, realizados tanto por ONGDs como por outros axentes. Os técnicos da Dirección Xeral explicaron aos representantes das entidades que conforman o sector en Galicia, os requisitos necesarios para poder optar ás subvencións, así como as principais novidades respecto ás convocatorias de anos anteriores.

No acto, celebrado esta mañá en Santiago, participaron representantes de 25 ONGDs, das universidades galegas e de empresas e sindicatos que están a levar a cabo proxectos de cooperación ou sensibilización.

Requisitos para os solicitantesEntre os requisitos que deben cumprir os proxectos que soliciten as axudas inclúense, no caso dos de cooperación no exterior, a imposibilidade de que o proxecto se iniciase antes da data de presentación da solicitude, a identificación dos socios locais que participen no programa, e que este redunde na ampliación das capacidades e as liberdades das poboacións beneficiarias. Os cambios na convocatoria deste ano céntranse na posibilidade de que as ONGDs presenten conxuntamente os proxectos con calquera outro axente e o financiamento da identificación no terreo ate un máximo de 10.000 euros por proxecto.

No caso das ONGD financiarase ata 160.000 euros por proxecto e 350.000 euros no caso de que sexa unha agrupación. Se o proxecto é presentado por outro axente de cooperación a contía máxima da subvención será de 130.000 euros, 200.000 se o proxecto é presentado por varias entidades asociadas.                                                        

Fortalecemento do sectorA convocatoria que ten como obxectivo fortalecer o tecido asociativo da cooperación galega presenta como principal novidade o incremento dun 15% na súa contía, acadando os 300.000 euros. Neste ano está previsto potenciar o financiamento de gastos de persoal asociado a estratexia da entidade, manténdose o requisito dun ano de antigüidade no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación.

Por primeira vez poderán optar a esta subvención as entidades con delegación permanente en Galicia, as que se lle concederá un máximo de 18.000 euros, mentres que as ONGDs con enderezo social en Galicia contarán cun máximo subvencionable de 25.000 euros.

Pola súa banda, a convocatoria que financia actividades formativas e de sensibilización que desenvolvan ONGDs ascende este ano aos 400.000 euros, un 23% máis que o exercicio anterior. Neste ano ábrese a posibilidade de que as ONGDs se agrupen con calquera outro axente de cooperación para presentar proxecto. Á hora de avaliar os proxectos valorarase as actuacións no rural ou en núcleos menores de 50.000 habitantes e o impacto comunicativo que estas accións poidan ter á hora de sensibilizar a sociedade galega.

As organizacións interesadas deben presentar a súa solicitude no prazo dun mes desde a publicación da convocatoria no DOG e a administración contará con tres meses para resolver e notificar as resolucións.