A DIRECCIÓN XERAL DE COOPERACIÓN EXTERIOR PRESENTA O PLAN ANUAL DE ACTUACIÓN 2008
A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, interveu hoxe nas reunións dos órganos de asesoramento e coordinación da cooperación galega, a Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento (CINTERCODE) presidida polo Conselleiro de Presidencia, Administracións Pública e Xustiza, Don José Luis Méndez Romeu, a Comisión Interdepartamental de Cooperación para o Desenvolvemento (CINCODE), e o Consello Galego de Cooperación (CONGACODE), co fin de coñecer en profundidade as accións desenvolvidas neste eido en 2007, así como para valorar o Plan Anual 2008. Durante a súa intervención a directora xeral presentoulles aos tres organismos de asesoramento o Plan Anual de Cooperación para 2008, que trala incorporación dos aportes recibidos dende os órganos, elevarase ao Consello da Xunta para a súa aprobación.
Este plan aposta de xeito decidido pola creación de novos instrumentos para unha mellor xestión dos fondos de Axuda Oficial ao Desenvolvemento, así como pola necesidade de manter o pulo á sensibilización da sociedade galega.
Segundo se expuxo, este ano comezarán a executarse programas de cooperación directa deseñados desde a Dirección Xeral de Cooperación Exterior conxuntamente cos gobernos dos países prioritarios, e coa participación de axentes especializados, de Galicia ou do país beneficiario, en cada un dos sectores identificados. Estes proxectos perseguen por encima de todo, que o receptor sexa realmente o protagonista e autor responsable do proceso de cambio. Así mesmo se porá en marcha unha convocatoria de programas para as ONGD, que financiará proxectos a mais longo prazo, co obxectivo de incidir nos procesos de desenvolvemento cun maior impacto, aumentando á vez a calidade e a eficacia da axuda.
Outra novidade é a subvención de microproxectos, levados a cabo tamén por Organizacións non Gobernamentais de Desenvolvemento, para a creación dun instrumento de financiamento de pequenas accións de cooperación, como un primeiro paso que potencie a realización de proxectos no exterior daquelas organizacións recentemente integradas no sector galego da cooperación, e que conten polo de agora con menor experiencia en terreo, especialmente nos países menos adiantados (PMA) da África Subsahariana.
Por outra banda, este Plan Anual 2008, asume tamén a necesidade da realización de avaliacións externas para mellorar a axuda, e analizar o grao de consecución dos resultados. Por unha banda, neste exercicio se presentaran as conclusións das avaliacións comprometidas no 2007 que inclúen máis de noventa proxectos en nove países. Pola outra, sacarase a concurso a realización das avaliacións dos proxectos financiados no ano 2005 e no ano 2006 en Mozambique, Cabo Verde e Guinea- Bissau.
En canto a tarefas de sen sensibilización en Galicia, a Dirección Xeral de Cooperación Exterior aposta por unha política activa e integral da difusión das causas da pobreza, mantendo as accións dirixidas a todos os centros escolares en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e reforzando a utilización por parte dos docentes das ferramentas creadas que axudan á consecución dun maior impacto educativo. Nesta mesma liña, ao longo do 2008, a Dirección Xeral de Cooperación Exterior celebrará un ciclo de conferencias que contará coa presenza de persoas relevantes no mundo do desenvolvemento, e destinado a sensibilizar a nosa sociedade, incluída a clase política, sobre a necesidade de que Galicia contribúa ao incremento de fondos destinados á axuda oficial ao desenvolvemento.
Promoverase tamén a continuidade da campaña “Achégate”, que comezou en novembro de 2007 e que recorreu varias cidades galegas para sensibilizar a cidadanía galega sobre a importancia da misión da cooperación, e para difundir o labor que, desde a Xunta de Galicia se está a desenvolver.
As universidades se destacan xa por ser o segundo actor da cooperación galega en canto á recepción de fondos da Dirección Xeral, tralas ONGD. Outra das importantes actuacións deste ano será a realización de tres encontros, un por cada unha das universidades galegas, e outro conxunto, para afondar nas vantaxes da coordinación das súas iniciativas e da complementariedade con outro tipo de actores.
Para a realización das accións indicadas, o incremento orzamentario da Xunta de Galicia para o 2008 supón un 28,9% sobre os orzamentos do ano 2007. A Dirección Xeral de Cooperación Exterior incrementa o seu orzamento en axuda oficial ao desenvolvemento nun 13,7%, e o resto de partidas, que cumpren os criterios de AOD, proveñen maiormente das consellerías de Pesca, Vivenda, Medio Ambiente ou Medio Rural.