Novas de Cooperación Galega
06/05/2008
Xeral

A DIRECCIÓN XERAL DE COOPERACIÓN EXTERIOR PROMOVE O COMERCIO XUSTO NUNHA XORNADA TÉCNICA EN FERROL

A Directora Xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, inaugurou hoxe no Salón de Actos do Vicerreitorado de Ferrol da Universidade da Coruña a Xornada Técnica sobre o Comercio Xusto en Galicia, co gallo da Semana do Comercio Xusto.  A través do fomento destas iniciativas, preténdese a mellora das condicións de vida das produtoras e produtores e demais traballadoras e traballadores do Sur e a súa consolidación coma unha  alternativa real de mercado.

O sector do Comercio Xusto en Galicia caracterízase pola súa experiencia e dinamismo, xa que nel traballan dende hai tempo varios axentes de Cooperación. Deste xeito, o obxectivo desta Xornada é ofrecer un espazo de encontro a estes axentes, coa meta de reforzar as súas iniciativas e facilitar os intercambios. Así se continúa coas liñas estratéxicas establecidas a partir do I Plan Director da Cooperación Galega, a Diagnose analizada hoxe e a Comisión de Traballo creada en Marzo.

En Comercio Xusto, a actuación da Dirección Xeral de Cooperación Exterior aborda: a interiorización da responsabilidade individual como consumidora ou consumidor, a valoración prioritaria das propostas neste eido dentro das convocatorias de axuda, e o apoio á realización de campañas que impulsen a difusión da realidade, características e obxectivos do comercio xusto, o consumo responsable e a banca ética. Esta Dirección Xeral estimula a introdución da Compra Pública Ética e do Comercio Xusto na Administración Galega.

Os relatores lembraron que o Comercio Xusto non só debe ser rendible, senón que hai que ter en conta a súa influencia fundamental sobre as partes involucradas no proceso, os dereitos humanos e o desenvolvemento sostible. No debate que pechou os actos da mañá, expuxéronse as diversas iniciativas en Comercio xusto dende todos os eidos: administración, ONGD, empresa privada e consultaría. Asemade, propuxéronse medidas para combater a baixa rendibilidade dos produtos deste sector e para adaptalo ás diversas superficies de distribución. 

Esta tarde terán lugar dous obradoiros e unha mesa de debate que resumirán as conclusións.

A Diagnose Estratéxica e Participativa do Comercio XustoTal e como recolle este informe, a evolución das vendas en Galicia amosa un crecemento do 403% entre o 2000 e o 2005, o crecemento máis forte rexistrado en todas as comunidades, moi por diante da segunda que máis medrou, Cataluña, co 186% no quinquenio analizado. De todos os xeitos, as cifras de vendas rexistradas en Cataluña ou Madrid no ano 2005 triplican e duplican respectivamente as de Galicia, situando a Galicia como a cuarta Comunidade con máis vendas en Comercio Xusto por detrás de Cataluña, Madrid, e Andalucía.