Novas de Cooperación Galega
14/10/2007
Xeral

A DIRECCIÓN XERAL DE COOPERACIÓN EXTERIOR PROMOVE O COÑECEMENTO DO DEREITO Á ALIMENTACIÓN

A Dirección Xeral de Cooperación Exterior promove que a poboación galega coñeza o dereito á alimentación que teñen todos os homes e mulleres e no que mañá se incide co gallo do Día Mundial da Alimentación. O departamento da Xunta de Galicia ten en marcha varios proxectos de sensibilización que apoian á finalidade deste día, proclamado en 1979.

Entre eles, “As Causas da Fame”, unha serie de exposicións organizadas por Acción contra a Fame, que percorrerán as cidades galegas ata xullo de 2008, e de entre as que destaca “Níxer”, que dende mañá poderá visitarse en Santiago. Tamén se continúa apoiando ás campañas de sensibilización para o coñecemento dos Obxectivos do Milenio: o primeiro destes obxectivos é a erradicación da pobreza extrema e da fame.

O dereito á alimentación é un dereito universal. Implica que toda persoa -muller, home ou neno- debe ter en todo momento acceso a alimentos ou aos medios para procuralos, e que sexan suficientes en termos de calidade, cantidade e variedade para satisfacer as súas necesidades. Implica tamén que estean libres de sustancias nocivas e que sexan aceptables para a súa cultura.

A FAO celebra cada 16 de outubro o Día Mundial da Alimentación, coincidindo co aniversario da fundación da Organización en 1945 en Quebec, Canadá. Este ano o tema central é “O Dereito á Alimentación”, para recordar que este dereito humano básico é a miúdo ignorado. A proba é que 850 millóns de persoas continúan sufrindo hoxe unha grave inseguridade alimentaria. Desde o Cumio Mundial da Alimentación 1996, a FAO traballou cos gobernos e comunidades de todo o mundo para que se recoñeza este dereito.

Proxecto en MozambiqueAdemais da sensibilización, estanse financiando diferentes proxectos que traballan a prol da mellora da alimentación no mundo. Entre eles destaca o que se está a levar a cabo no distrito de Montepúez, na provincia de Cabo Delgado en Mozambique, a máis pobre do país.A Xunta de Galicia, destina a través da Dirección de Xeral de Cooperación Exterior máis de 150.000 euros á redución da desnutrición aguda e crónica nas familias da zona. Para elo, Cruz Vermella está a construír dous sistemas de rego e dous muíños de gran de semente. Tamén se contempla a introdución de hortas e machambas escolares nos centros de primaria, o fomento do cultivo resistente á época seca e o apoio á comercialización dos produtos hortícolas producidos nalgunhas das comunidades; entre outras medidas.De este proxecto poderán beneficiarse as case 40.000 persoas dos postos administrativos da comunidade de Mapululo e as máis de 30.000 da comunidade de Mirate.