A DIRECCION XERAL DE COOPERACION LAMENTA O FALECEMENTO DO XESUITA VIGUES MANUEL MAQUIEIRA
O recente falecemento do xesuíta vigués Manuel Maquieira (54), quen desempeñaba hai dez anos labores humanitarias en Guatemala, sorprendeu tristemente o mundo da cooperación e desenvolvemento galego, particularmente a Dirección Xeral de Cooperación Exterior, coa cal desde había un ano estaba en contacto e, con quen había proxectos de colaboración mutua en materia de solidariedade. Proxectos que a Dirección Xeral seguirá apoiando, non soamente polo compromiso asumido, senón tamén como unha forma de dar continuidade ao traballo que Manuel Maquieira desenvolvía.
A Dirección Xeral quere sumarse e expresar o seu sentir ante tan lamentable perda, facendo fincapé no gran labor que Maquieira, desde a década dos oitenta, viña desenvolvendo en Centro América, pasando primeiro por Honduras, o Salvador e ultimamente Guatemala. Manolo, como tamén lle chamaban, era un auténtico misioneiro dos pobres quen non dubidou en loitar contra a violación dos dereitos humanos e a falta de recursos para loitar polas necesidades básicas dos pobos centroamericanos, até o punto de recibir múltiplas ameazas de morte pola súa defensa en nome da xustiza.
Afectado dunha grave doenza de corazón, este home de nobreza irrefutábel deixa un gran baleiro dentro da cooperación galega, xa que co seu exemplo non só cabe a admiración, senón que era un referente, e sen dúbida seguirao sendo, insubstituíbel para todas esas persoas e institucións que cren que é urxente e necesario xestionar obras de acción social e humanitaria en beneficio dos países máis pobres.
Manuel Maquieira compartiu con toda esa xente a realidade da fame, do frío e a guerra, unha realidade que se irmandou coa utopía de que un mundo máis xusto e solidario é posíbel e que lle serviu de bandeira para levar firmemente os seus ideais até o último momento, polo camiño da solidariedade.
A Dirección Xeral de Cooperación Exterior fai extensivo, para todos cantos desexen participar, a hora dunha misa-funeral que a Comunidade de Xesuítas de Vigo, a Comunidade educativa do Colexio Apóstolo Santiago e a Asociación de Antigos Alumnos celebrarán hoxe, martes 17, no seu nome.