A DIRECCIÓN XERAL E SOGAMA COLABORAN NUN PROGRAMA DE COOPERACIÓN EN SANTIAGO DE LOS CABALLEROS
A Xunta de Galicia porá en marcha un programa integral de Cooperación en Santiago de los Caballeros a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior e de Sogama. O primeiro departamento farase cargo da mellora das condicións sociais da poboación, mentres o segundo levará a cabo as tarefas técnicas.
Este programa integral xorde dunha anterior fase de identificación ao redor da xestión dos residuos sólidos urbanos, e que agora se converte nunha actuación a catro anos para mellorar a calidade de vida dos habitantes do barrio da Mosca, en Santiago de los Caballeros. A habitabilidade dos fogares desta poboación está afectada pola existencia dun vertedoiro que recibe diariamente unha media de mil toneladas de desfeitos. Preto de 400 persoas, das que 50 son nenos, traballan de xeito informal no vertedoiro de Rafey.
Por iso, a Dirección Xeral de Cooperación Exterior destinará un millón e medio de euros para potenciar catro liñas de actuación como son a Educación, a Saúde, o Desenvolvemento Produtivo, e o Saneamento Básico e Habitabilidade. Así garantiranse a cobertura das necesidades básicas das poboacións menos favorecidas, mellorarase a educación técnica dos habitantes, e se propiciará a creación de microempresas de recuperación e reciclaxe de materiais procedentes do vertedoiro.
Á presentación asistiron o coordinador da Axencia Española de Cooperación (AECI) na República Dominicana, Miguel Ángel Encinas, e o alcalde de Santiago de los Caballeros, José Enrique Sued. Este último mostrou o seu agradecemento pola posta en marcha deste programa que abre as portas a outros proxectos internacionais. Sotelo, asegurou que haberá unha persoa da Xunta de Galicia desprazada en terreo para facer un seguimento do programa.
O programa de cooperación estase a levar a cabo tanto coa colaboración da municipalidade de Santiago de los Caballeros, coma co apoio estatal da República Dominicana. Os entes públicos procuran a implicación da sociedade civil para evitar o fracaso desta política que se enmarca nunha serie de actuacións sociais e de medio ambiente.