A DIRECTORA XERAL DE COOPERACIÓN EXTERIOR ANALIZOU CO DIRECTOR DO TRIODOS BANK AS OPORTUNIDADES QUE OFRECE A BANCA ÉTICA
A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, entrevistouse co director de Desenvolvemento de Negocio do Triodos Bank en España, Carlos Bendito Prieto, co fin de coñecer as oportunidades que ofrece a banca ética ao sector da cooperación e os programas que en materia de microcréditos e comercio xusto está a levar a cabo esta entidade financeira fundada en 1980. Bendito destacou que a súa entidade “inviste unicamente en empresas que ademais de ser economicamente rendibles aportan un valor engadido de carácter medioambiental, social e cultural” incidindo en que “ as inversións do Triodos Bank van dirixidas a sectores como o das enerxías renovables, a tecnoloxía ambiental ou o apoio a grupos en risco de exclusión social”. “ Na actualidade estamos a participar en 60 institucións financeiras en 30 países do mundo grazas aos clientes e inversores, tanto particulares como institucións que desexan contribuír a un cambio positivo da sociedade nun contexto de desenvolvemento sostible” apuntou o directivo da entidade financeira.
Sotelo gabou o traballo que están a desenvolver este tipo de bancos xa que “aportan unha alternativa a aquelas persoas interesadas en que o seu diñeiro sexa investido en causas que permitan un desenvolvemento sostible a través dun uso responsable das inversións”.
Liñas de microcréditos“ A través do apoio a programas de comercio xusto e a creación de liñas de microcréditos, a banca ética está a loitar contra as causas que xeran as situacións de desigualdade a nivel mundial” remarcou a directora xeral, quen aludiu á importancia de “facilitarlle a poboación que tradicionalmente se viu excluída do acceso ao crédito a posibilidade de desenvolver proxectos de autoemprego, que co paso do tempo permitiralles obter unha fonte estable de ingresos e saír da situación de precariedade na que se encontran”. Nesta liña Bendito sinalou que están a traballar nese ámbito “porque é unha cuestión de xustiza social brindarlle aos países do sur a aportunidade de xerar actividade económica, ao mesmo tempo que desenvolvemos mecanismos financeiros para que a xente do norte poida vincular os seus aforros a proxectos de cooperación”.
Banca éticaTriodos Bank pertence ao grupo da denominada banca ética, tamén coñecida como banca social ou sostible. Este tipo de bancos distínguense dos convencionais pola natureza dos proxectos que financia. Os bancos éticos rexeitan investir en empresas relacionadas co tráfico de armas ou a destrución ambiental, optando por financiar proxectos con alto contido social ou medioambiental. Outro dos seus principais rasgos é que intentan proporcionar respostas ás persoas excluídas do sistema financeiro dende o punto de vista do aforro e do crédito. Aos primeiros, as finanzas éticas permítenlles participar nas decisións referentes ao destino dos seus aforros. O segundo grupo constitúeno os excluídos financeiros dende o punto de vista do crédito, persoas emprendedoras e entidades do terceiro sector que se atopan con importantes dificultades para acceder a créditos convencionais.