Novas de Cooperación Galega
31/07/2006
Xeral

A DIRECTORA XERAL DE COOPERACIÓN EXTERIOR DA XUNTA ACOMPAÑARÁ MAÑÁ Á VICEPRESIDENTA PRIMEIRA DO GOBERNO NA SÚA ESTANCIA EN BOLIVIA

A Directora Xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, acompañará mañá á Vicepresidenta primeira do Goberno, María Teresa Fernández de la Vega, na súa estancia en Bolivia. Sotelo asistirá na Paz á sinatura da Acta da Comisión Mixta hispano-boliviana que se celebrará no Pazo de Goberno na cidade da Paz.

O presidente do Goberno boliviano, Evo Morales, e maila vicepresidenta primeira do Goberno español, María Teresa Fernández de la Vega, rubricarán este acordo que fixa as accións de colaboración e axuda ao desenvolvemento que se realizarán entre os dous países durante o período 2006-2010 nos eidos científico, educativo e cultural. Neste acto, que se celebrará ás 9,30 da mañá –hora boliviana-, tamén participará a Secretaria de Estado de Cooperación Internacional, Leire Pajín, entre outras autoridades.

A directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta tamén asistirá á recepción que ofrece a Alcaldía da Paz á delegación española e na que se nomeará Hospede Ilustre a María Teresa Fernández de la Vega. Posteriormente, visitarán o Hospital do Neno da Paz, financiado pola cooperación española, e participarán no acto de homenaxe á Muller Indíxena Boliviana.

Actuación galega en BoliviaA Xunta está a participar en 11 proxectos de cooperación ao desenvolvemento en Bolivia. En total, este ano se están a levar a cabo actuacións en materia de formación, sanidade, fortalecemento institucional, medio ambiente, e organización sindical por valor de 477.000 euros.

Bolivia é un dos países considerados prioritarios dentro das actuacións a prol do desenvolvemento do Goberno galego. É o máis pobre de Sudamérica; o 602% da súa poboación vive por debaixo da liña da pobreza.

Para contribuír a reverter esta situación, a dirección xeral de Cooperación Exterior está a colaborar con diversas ONGD´s e a Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI) no desenvolvemento de proxectos en diversos puntos da xeografía boliviana.