Novas de Cooperación Galega
17/06/2007
Xeral

A DIRECTORA XERAL DE COOPERACIÓN EXTERIOR E URMI BASU ABORDAN A SITUACIÓN DAS NENAS EN RISCO DE EXPLOTACIÓN SEXUAL NA INDIA

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, e a directora do programa de desenvolvemento comunitario New Light de Calcuta, Urmi Basu, mantiveron esta tarde unha xuntanza co fin de reforzar o programa de cooperación no que participan conxuntamente, así como para analizar outras alternativas de traballo.

A Dirección Xeral de Cooperación Exterior está a apoiar  proxecto desenvolvido por New Light en Calcuta (India), que ten como obxectivo protexer a menores en risco de explotación sexual do barrio de Kalighat, un dos  prinicipais núcleos de prostitución da cidade. A través da Federación Mundo Cooperante, o Goberno galego destina 30.000 euros a este proxecto, co que se está a financiar a compra dun inmoble onde se están a aloxar na actualidade 26 nenas. A residencia atende a nenas e mozas en situación de extrema  vulnerabilidade, que proceden de familias desestructuradas,  nas que en moitos casos as súas nais exercen a prostitución.

A súa finalidade principal é brindar un ambiente seguro ás adolescentes,  que proveñen do barrio roxo de Kalighat e doutras zonas de comercio sexual da cidade, ofrecendo unha saída á grave situación que se deriva de que estas adolescentes continúen nese entorno.Por outra banda, o fogar é o entorno idóneo para que as nenas continúen a súa formación académica regular, asistindo á escola e realizando todas as actividades educativas, lúdicas e recreativas propias da súa idade. Perséguese o propósito de que adquiran unha capacitación básica que lles permita acceder ao mercado laboral.

Ademáis nestes fogares lévanse a cabo actividades encamiñadas a loitar contra enfermidades de transmisión sexual como a SIDA, a explotación sexual das mulleres e o  tráfico de menores a través de redes de prostitución infantil, práctica frecuente nalgunhas cidades da India.

Loita contra a SIDAA directora de New Light espúxolle á directora xeral á grave situación que está a vivir a India no terreo da loita contra a SIDA, xa que en cidades como Calcuta “só existe un hospital onde os enfermos poidan recibir tratamento, e os estudos para avanzar nos tratamentos son case nulos, xa que é unha doenza que estigmatiza a quen a sofre”.

Neste senso, Basu comunicoulle á directora xeral que dende New Light están iniciando o proceso de compra de terreos para a construción dun hospital que ofreza os servizos tanto de prevención, diagnose, tratamento e investigación da SIDA, de xeito “que mellore, aínda que sexa de xeito mínimo, a situación dos milleiros de enfermos que non atopan ningún tipo de apoio para loitar contra a súa doenza”. A directora xeral ofreceulle unha total  dispoñibilidade do departamento que dirixe para colaborar neste tipo de programas, “xa que é fundamental implicarse no control e tratamento desta enfermidade que cada ano mata a millóns de persoas nos países do Sur”.