A DIRECTORA XERAL DE COOPERACIÓN EXTERIOR INAUGURA EN POTOSÍ (BOLIVIA) UN CENTRO DE EDUCACIÓN INTEGRAL QUE FORMARÁ CADA ANO A 250 NENAS E NENOS SEN RECURSOS
A directora xeral de Cooperación Exterior inaugurou hoxe en Potosí (Bolivia) un centro de educación integral no que cada ano formaranse en réxime de internado 250 nenas e nenos das familias con menos recursos deste departamento boliviano. A Xunta de Galicia participa apoiando a ONGD Paz y Desarrollo con 113.000 euros para que neste centro se constrúan unha aula de expresión e creatividade e un salón de actos nos que os alumnos poderán desenvolver as súas capacidades artísticas.
Durante a súa intervención no acto de inauguración, a directora xeral salientou a necesidade de apostar pola educación como único xeito de “romper o círculo da pobreza que durante séculos se vén reproducindo en zonas como a de Potosí”. Sotelo incidiu na necesidade de apoiar proxectos educativos que permitan aos nenos reforzar a súa autoestima e facerse conscientes das súas potencialidades “defendendo o seu lexítimo e tantas veces negado dereito a unha vida digna”. A defensa dos dereitos da infancia foi outro dos puntos aos que se referiu a directora xeral no seu discurso.
Así mesmo resaltou que a través da formación non só se está a capacitar aos nenos para que nun futuro teñan acceso a o mercado laboral senón que tamén “este proceso formativo permitirá acadar as condicións necesarias para que unha vez chegada a idade adulta sexan conscientes dos seus dereitos e da necesidade de esixilos e defendelos”.
No acto estiveron presentes o embaixador de España en Bolivia, Francisco Montalbán, o director do Centro de Educación Integral de Santa Lucía de Yocalla, César Camargo, o presidente da ONGD Paz y Desarrollo, Francisco Pineda, e o prefecto do Departamento de Potosí, Mario Guerrero entre outras autoridades locais, ademais dunha representación da Junta de Andalucía,que está tamén a participar na financiación deste proxecto xunto co concello de Ciudad Real.Formación das nenas e nenos con menos recursosO Centro de Educación Integral de Santa Lucía de Yocalla está a formar anualmente a 250 nenas e nenos de entre 5 e 16 anos das familias máis empobrecidas do departamento boliviano de Potosí. Se este centro non existise os alumnos que están alí cursando os seus estudios non terían outra posibilidade de formación, véndose abocados en moitas ocasións ao traballo nas minas de prata, a principal fonte de actividade económica da zona.
Este centro conta cun internado onde se aloxan de luns a venres as nenas e nenos elixidos en base a súa situación familiar e económica, sendo completamente gratuíta a súa manutención e formación. Ademais da educación formal os alumnos reciben clases de teatro e poesía ou poden participar en talleres de radio.
Un dos principais obxectivos do centro e facer partícipes as familias da educación dos seus fillos. Para isto os nenos reciben tamén clases prácticas sobre agricultura ou gandería de xeito que ao chegar as súas casas podan compartir os coñecementos mellorando as técnicas tanto de cultivo como de cría de animais. Ao rematar os estudios preténdese que estes rapaces poidan continuar formándose a nivel universitario, de xeito que se creen líderes capaces de fortalecer os procesos de desenvolvemento das súas comunidades.