Novas de Cooperación Galega
23/11/2007
Xeral

A DIRECTORA XERAL DE COOPERACIÓN EXTERIOR INAUGUROU O ENCONTRO DE COORDINADORAS AUTONÓMICAS DE ONGD

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, inaugurou hoxe en Vigo xunto coa Presidenta do Parlamento, Dona Dolores Villarino, o Encontro de Coordinadoras Autonómicas.

Sotelo recoñeceu o fundamental papel que as ONGD's tiveron e aínda teñen na introdución da cooperación coma piar fundamental da acción política exterior, e fixo unha análise da realidade do sector en Galicia. Ademais, salientou a necesaria aposta de fortalecemento do mesmo para evitar “a dispersión e a falla de impacto de anteriores etapas”, e o importante incremento dos esforzos que se está a realizar na formación técnica.

A directora xeral asegurou que o departamento que dirixe, “se debe primeiramente á cidadanía galega na garantía de que cada euro de investimento en Axuda Oficial o Desenvolvemento debe chegar á poboación beneficiaria de xeito eficaz e sostible”, o cal non vai a permitir acadar o 0,4% o final desta lexislatura. Se ben o incremento dos fondos dedicados a cooperación para o desenvolvemento dende a Xunta de Galicia, aumentou no 2007 nun 40% e no 2008 medrará nun 30%.

Seguindo o criterio de esixencia establecido no I Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009, Sotelo recordou que as convocatorias de axudas para proxectos no exterior levados a cabo por ONGD's dos dous últimos anos, non se cubriron na súa totalidade. Aínda que a cooperación directamente xestionada pola Dirección Xeral con entidades e institucións do Sur, está a medrar ó ritmo da creación das ferramentas adecuadas para isto, a directora xeral pediu un esforzo por parte das organizacións para crecer con calidade de xeito conxunto.

A razón da necesidade dese crecemento conxunto atópase no fundamental papel que as organizacións teñen na penetración na sociedade galega, para interiorizar o desenvolvemento coma o Dereito Fundamental que é. Sotelo mostrouse asemade crítica con algún tipo de intervencións que, entre outros motivos, por non integrarse nas estratexias, ou por incidir máis nas consecuencias que nas causas da pobreza, non acadan os resultados esperados.

A súa intervención rematou solicitando unha maior atención e aproveitamento dos foros entre os gobernos e os axentes da cooperación, para incidencia en temas fundamentais como a coherencia de políticas ou a contradición de que gran parte da cooperación gobernamental e non gobernamental se centra nos pobres e case que nunca nos procesos que levan o empobrecemento. Na superación desas contradicións o labor de sensibilización das ONGD's é fundamental.