Novas de Cooperación Galega
15/11/2006
Xeral

A DIRECTORA XERAL DE COOPERACIÓN EXTERIOR MANIFESTA O COMPROMISO DO SEU DEPARTAMENTO DE FOMENTAR A INVESTIGACIÓN NO EIDO DA COOPERACIÓN AO DESENVOLVEMENTO

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, manifestou hoxe o compromiso do seu departamento no fomento daqueles proxectos encamiñados á investigación no eido da cooperación internacional. Sotelo realizou estas declaracións na rolda de prensa na que se presentou a convocatoria de axudas para proxectos de investigación en cooperación ao desenvolvemento Fondo 0´7% da Universidade da Coruña (UDC), que conta cunha subvención do Goberno galego.

A directora xeral felicitou á universidade da Coruña pola creación desta convocatoria de axudas á investigación en cooperación, única nas tres universidades galegas, considerandoa como punto de partida para “ mellorar a calidade na cooperación ao desenvolvemento”.

Anunciou tamén que a formación será unha das prioridades da Dirección Xeral de Cooperación Exterior para 2007. Sotelo incidiu na “evidente” necesidade de formación para a formulación, seguimento e mellora dos proxectos de cooperación”.

Destacou tamén a importancia de que as universidades galegas se impliquen nas políticas de cooperación ao desenvolvemento, ben sexa a través da realización de proxectos ou mediante actividades de formación e sensibilización. Gabou así mesmo “o número e a calidade” dos proxectos presentados polas universidades galegas ás distintas convocatorias que ten a Dirección Xeral para financiar proxectos de cooperación ao desenvolvemento”.

Cooperación universitariaA Dirección Xeral de Cooperación Exterior vén de destinar durante este ano 741.000 euros para proxectos das universidades galegas no eido da cooperación ao desenvolvemento, tanto de cooperación e investigación como en actividades relacionadas coa sensibilización e a formación. Do total destes orzamentos, 596.000 destináronse a proxectos de cooperación e investigación e os 145.000 restantes a formación.

No marco da colaboración entre as universidades e a Dirección Xeral de Cooperación Exterior, a UDC e o departamento que dirixe Fabiola Sotelo, veñen de firmar un acordo co que se apoia a financiación desta convocatoria de axudas á investigación e outras accións, como o seminario de Proxectos de Cooperación ao Desenvolvemento no Sur: ONGD e Universidades, que se celebrará os vindeiros 21,22 e 23 de novembro na Facultade de Socioloxía da UDC. Neste seminario analizaranse os proxectos que están a desenvolver as universidades galegas no eido da cooperación ao desenvolvemento, así como a problemática medioambiental ou as campañas sobre o comercio xusto e o consumo responsable que están a levar a cabo as ONGD´s galegas.

Apoio á investigación A través desta convocatoria de axudas a proxectos de investigación en cooperación ao desenvolvemento que conta co apoio económico da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, a Universidade da Coruña (UDC) pretende promover o estudo de temas que sexan de interese e de utilidade para o labor de organismos e profesionais que traballan nestes eidos. Deste xeito, preténdese articular o mundo universitario como un espazo para a formación, xeración e difusión do coñecemento arredor da cooperación ao desenvolvemento, como así o manifestou o xefe da Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC, Enrique Peña.

Esta iniciativa da UDC, única en Galicia, enmárcase dentro da creación do Fondo 0´7% co que dende esta Universidade pretenden consolidar o seu compromiso solidario , impulsando actuacións investigadoras e de promoción da formación de cidadáns conscientes das desigualdades.