Novas de Cooperación Galega
25/06/2007
Xeral

A DIRECTORA XERAL DE COOPERACIÓN EXTERIOR MANTIVO UNHA XUNTANZA CO EMBAIXADOR DE PANAMÁ NA QUE PARTICIPARON REPRESENTANTES DO SECTOR EN GALICIA

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, reuniuse hoxe co Embaixador de Panamá, Humberto López Tirone, co fin de analizar posibles vías de colaboración entre a nosa comunidade e o país centroamericano, así como para exporlle as actuacións que se están realizando no país, orientadas fundamentalmente ao desenvolvemento pesqueiro.

O representante diplomático avoga claramente pola dualidade da xestión política, a cal dunha banda debe promover a inversión e doutra a redistribución. Asimesmo incidiu na necesidade de erradicar a pobreza no país mediante unha inversión destinada a “proxectos autosostibles que impulsen o desenvolvemento e programas de capacitación e formación”. López Tirone referiuse a Panamá como “un país estratéxico para a cooperación” xa que segundo o representante diplomático “ todas as actuacións levadas a cabo en Panamá teñen un efecto multiplicador para os países desa área xeográfica”.

No encontron participaron membros do sector da cooperación galega vinculados á universidade, á empresa, e ás ONGDs como a directora do Máster de Cooperación Internacional da Universidade de Santiago, Nieves Lagares, o presidente da Fundación Galicia Innova, Edmundo Varela, o presidente de SOGAMA, José Álvarez, e a Xefa de Administración de TRAGSA, Fe Meitín. Ademais estiveron presentes membros da Coordinadora Galega de ONGDs e de varias entidades que están a desenvolver  proxectos de cooperación.

Apoio á pesca artesanalO embaixador de Panamá foi informado das actividades que en materia de cooperación está a desenvolver o Goberno galego no país, en concreto das actuacións que a Dirección Xeral de Cooperación Exterior está a realizar conxuntamente coa Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI) en materia de formación pesqueira a través do Plan de Apoio á Pesca Artesanal en Centroamérica. Este programa de formación, ao que o Goberno galego destina 842.000 euros, consta de catro eixes de intervención: apoio ao fortalecemento institucional, capacitación e asistencia técnica aos pescadores artesanais, protección do medio ambiente, e impulso da comercialización e o consumo.