Novas de Cooperación Galega
28/08/2006
Xeral

A DIRECTORA XERAL DE COOPERACIÓN EXTERIOR PRESENTA O PROGRAMA VACACIÓNS CON TRABALLO, ORIENTADO A ANIMAR AOS CONCELLOS A PARTICIPAR EN PROCESOS DE DESENVOLVEMENTO DOS POBOS DO SUR

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, presentou esta mañá o programa Vacacións con Traballo, orientado a animar ao persoal dos concellos a coñecer e participar nos procesos de desenvolvemento dos pobos do sur. O programa deséñase ademais co propósito de facer efectiva a cooperación técnica municipalista en Galicia. Trátase dunha iniciativa posta en marcha polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en colaboración coa Dirección Xeral de Cooperación Exterior.

A primeira actuación comprendida dentro do programa baséase na viaxe que dous funcionarios farán a Cabo Verde no seu período vacacional para colaborar en diversas accións de cooperación no eido do medio ambiente e do urbanismo. Segundo explicou Fabiola, “trátase de facilitar que persoal dos concellos poida prestar a súa experiencia e coñecemento en accións de cooperación internacional”, neste caso en Cabo Verde.

A directora xeral de Cooperación Exterior explicou que o departamento que dirixe decidiu financiar a iniciativa por prestar o seu apoio ao Fondo Galego, entidade na que están asociados os concellos e deputacións galegos que realizan actividades de cooperación. Sotelo engadiu, ademais, que o Fondo e a Xunta están a colaborar na realización dun reto: aumentar os fondos dedicados á cooperación cos países empobrecidos tal e como demanda a cidadanía galega e garantir a implicación de cada vez máis galegos e galegas que desexan participar en tarefas de solidariedade.

Programa destinado ao persoal da XuntaNeste senso, e tras o interese amosado polo funcionariado da Xunta na participación en labores de cooperación, Fabiola Sotelo anunciou que antes de fin de ano se presentará o programa Rede de Funcionariado Galego Cooperante. Este proxecto artellará a participación de funcionarios e funcionarias da Administración Pública Galega en iniciativas de cooperación ao desenvolvemento, posibilitando a solicitude de comisións de servizos especiais para poder desempeñar nos pobos do sur propostas en proxectos de cooperación ou emerxencia.

Orixes da relación con Cabo VerdeO Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ten apostado por crear un espazo de relación, de intercambio de experiencias mutuas, entre os entes locais galegos e o arquipélago caboverdiano, proceso que se ten iniciado no ano 2002 co financiamento de proxectos de cooperación directa.

Cabo Verde ten sido un dos países africanos que ten protagonizado unha transición exemplar cara a democracia. Na actualidade, os esforzos non só da comunidade internacional, senón principalmente dos axentes locais implicados no proceso de desenvolvemento, auguran uns índices de crecemento e estabilidade que conducen ao arquipélago a abandonar o grupo dos países menos avanzados. Cabo Verde ten sido un dos países africanos con maior atención da cooperación internacional materializada en programas específicos. Sen embargo, este é o momento para a avaliación e a sustentabilidade dos mesmos. De aí que no proceso de descentralización sexan as cámaras municipais axentes responsables da nova fase que van a protagonizar os caboverdianos.

En consecuencia, co fin de aumentar a calidade e o impacto dos proxectos, o Fondo Galego elaborou un Plan de Acción para o fortalecemento da nova administración local caboverdiana 2005-2008, coa que está a colaborar a Xunta a través da dirección xeral de Cooperación Exterior.