Novas de Cooperación Galega
17/04/2007
Xeral

A DIRECTORA XERAL DE COOPERACIÓN EXTERIOR REUNIUSE COA FEMINISTA INDIA N. MANIMEKALAI PARA INTERESARSE SOBRE O PROGRAMA DE MICROFINANZAS NO QUE PARTICIPA NA INDIA

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, reuniuse está mañá coa feminista india, N. Manimekalai, para interesarse polo programa de microfinanzas no que está a colaborar en Tamil Nadu (India). A directora do Centro de Estudos das Mulleres da Universidade de Bharathidasan está estes días a visitar Galicia para expoñer as conclusións dun proxecto de investigación centrado na análise de impacto sobre as mulleres dos diferentes tipos de microfinanzas, invitada pola ONGD Implicadas no Desenvolmento, da que é asesora dos seus proxectos en materia de xénero no país asiático.

No transcurso do encontro Manimekalai referiuse á importancia de introducir enfoques participativos nos proxectos de cooperación como xeito de implicar a toda a comunidade nos procesos de desenvolvemento. Así mesmo aludiu a importancia de proxectos como o que Implicadas no Desenvolvemento ten na India de cara ao empoderamento da muller e o exercicio efectivo dos seus dereitos. En concreto aludiu ao programa dos grupos de aforro que está a permitir que máis de mil mulleres do distrito de Tiruchy  poidan iniciar o proceso de creación de pequenas empresas. Ademais do aspecto económico, apuntou á importancia que o proxecto está tendo noutros ámbitos como o da diminución da violencia de xénero e o cambio de roles que se está a producir grazas aos cursos de formación e capacitación.

A directora xeral manifestou o apoio que dende o departamento que dirixe se lle está a conceder aos proxectos encamiñados a mellorar as condicións da muller e a favorecer a súa participación en tódolos ámbitos, aludindo ao papel protagonista que as mulleres están tendo no mundo da cooperación en todo o mundo.

Asesora de xénero en proxectos de cooperaciónN. Manimekalai é a  directora do Centro de Estudos de Xénero na Universidade de Bharathidasan de Tyruchi (India) dende 2004, tendo recibidos varios premios de investigación ao longo da súa carreira profesional, sempre centrada na defensa dos dereitos das mulleres e das melloras das condicións de vida das comunidades máis empobrecidas do país asiático.

Dende o centro que dirixe impulsou a creación dun Máster de Xénero, ademais de prestar formación e asesoramento ás mulleres que queiran comezar unha actividade empresarial. Ten publicado máis dun centenar de artigos sobre as mulleres empresarias e as microempresas; o impacto das microfinanzas; xénero e desenvolvemento, e sobre os grupos de autoaxuda das mulleres rurais de Tamil Nadu a través dos microcréditos.

Nesta rexión da India, a ONGD galega Implicadas no Desenvolvemento leva traballando dende 1998 no marco de proxectos xestionados por contrapartes locais que introducen o enfoque de xénero, dos que N. Manimekalai é asesora. Este ano, contando coa colaboración da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, están a desenvolver un programa que ten como obxectivo mellorar as condicións de vida da poboación da cidade de Tiruchy, de xeito que ao finalizar o proxecto mellore o status socioeconómico de 1000 mulleres a través do acceso ao aforro e o crédito.

No marco da súa visita impartirá na tarde de hoxe as 20 horas unha conferencia no Club Internacional de Prensa de Santiago baixo o título “O microcrédito e o empoderamento das mulleres”. O vindeiro sábado día 21 participará no curso Vanakkam que organiza Implicadas no Desenvolvemento.