Novas de Cooperación Galega
19/06/2006
Xeral

A DIRECTORA XERAL DE COOPERACIÓN EXTERIOR VISITA O CAMPO DE PERSOAS REFUXIADAS DE LUANDA, EN ANGOLA.

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, vén de visitar o campo de persoas refuxiadas de Luanda, en Angola, onde Galicia estivo a desenvolver, en colaboración co Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR), un programa para facilitar o retorno voluntario das persoas refuxiadas angolanas ao seu país.

Sotelo, de viaxe oficial en África para coñecer os proxectos desenvolvidos coa colaboración galega, achegouse ata Luanda para analizar a situación actual do campo de persoas refuxiadas e comprobar os resultados das actuacións levadas a cabo coa colaboración da Xunta de Galicia.

Xunto a membros de ACNUR e do Servizo Xesuíta para os Refuxiados, Fabiola Sotelo viaxou dende Luanda a Luena –capital da provincia de Moxico- onde tivo oportunidade de coñecer o labor das organizacións non gobernamentais que traballan en proxectos de reinserción de persoas retornadas desenvolvendo obradoiros de formación profesional, panadería, informática. Angola ten recibido nos últimos catro anos preto de 362.000 persoas retornadas; na provincia de Moxico, voltan case todas dende Zambia.

En Luanda, a delegación galega da asociación España con ACNUR desenvolveu, coa achega do Goberno galego, un programa de actuacións para establecer as condicións mínimas necesarias para permitir a repatriación organizada e digna das persoas refuxiadas angolanas dende os países veciños. Nomeadamente, as actuacións centráronse na rehabilitación e construción de puntos de subministro de auga e instalacións hixiénicas.

As obras leváronse a cabo en tres provincias de retorno e dous centros de recepción, garantindo a sostenibilidade das instalacións e asegurándose de que a propiedade e a responsabilidade do mantemento recaia nas comunidades beneficiarias. Como resultado desta actuación, preto de 19.000 persoas retornadas angolanas dispoñen de cantidades axeitadas de auga limpa para o seu consumo e hixiene e de instalacións hixiénicas sostibles.

Así mesmo, no marco desta actuación, que contou cunha achega da Administración galega de preto de 120.000 euros, realizáronse estudos xeofísicos e avaliación de infraestruturas existentes, compra de equipos e materiais e a construción e rehabilitación de puntos de subministro de auga e de instalacións hixiénicas.

A situación angolanaAngola ten sido un país en guerra dende 1975. O enfrontamento entre o MPLA, no Goberno, e a UNITA ten sido un dos conflitos máis sanguentos de todo o mundo nas últimas décadas. Como resultado desta prolongada guerra civil, Angola rexistrou máis dun millón de vítimas mortais, 3,5 millóns de persoas desprazadas sobre un total de 12 millóns de habitantes e medio millón de persoas refuxiadas en países veciños como República Democrática do Congo, Namibia e República do Congo. Así mesmo, sufriu a destrución da maior parte das súas infraestruturas físicas e de servizos.

Hai tres anos, o 20 de xuño de 2003, o ACNUR deu comezo á Operación Repatriación Voluntaria nas provincias de Moxico e Zaire, e en xullo en Kuando Kubango. Ata a actualidade, un total de 43.000 persoasangolanas teñen retornado ás súas comunidades de orixe.

Mellora educativa para 3.000 nenas e nenos retornadosAo longo deste ano, o Goberno galego está a financiar un programa que a Fundación Entreculturas-Fe y Alegría está a desenvolver na municipalidade de Bungo para mellorar o sistema educativo primario da poboación retornada. Esta zona quedou completamente despoboada durante a guerra civil . Os seus habitantes, aínda en situación de vulnerabilidade, dedícanse á agricultura de subsistencia, non reciben axuda humanitaria algunha e teñen dificultade de acceso ás grandes cidades polas malas condicións das estradas.

Preto de 3.000 nenas e nenos de idades de escolarización primaria e 200 profesoras e profesores son as persoas beneficiarias directas desta actuación que pretende asegurar os dereitos básicos da infancia desta zona angolana.

Entre as actuacións que se están a realizar, cabe salientar a mellora das infraestruturas educativas nas aldeas de Quitacama e Quiombo I, a formación do profesorado cunha nova metodoloxía psicopedagóxica, realización de seminarios de xestión escolar para o persoal directivo dos centros, distribución de material educativo, así como promover a implicación das comunidades na construción das escolas. A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, achegou 100.000 euros para financiar este programa de mellora educativa en Bungo.

Día mundial das persoas  refuxiadas Hoxe, 20 de xuño, celébrase o Día Mundial do Refuxiado. Segundo datos do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR), na actualidade existen 9,2 millóns de persoas refuxiadas en todo o mundo. O mandato fundacional deste organismo internacional define á persoa refuxiada como aquela persoa que se atopa fóra do seu país de orixe e non pode retornar a causa dun temor fundado na persecución debido á súa raza, relixión, nacionalidade, opinión política ou pertenza a un determinado grupo social. Así mesmo, calcúlase que preto de 50 millóns de persoas atópanse desprazadas dentro dos seus propios países a causa da violencia e da persecución.