A DIRECTORA XERAL DE COOPERACIÓN EXTERIOR VISITOU O PROXECTO QUE A XUNTA DE GALICIA ESTÁ A FINANCIAR NA REPÚBLICA DOMINICANA PARA MELLORAR AS CONDICIÓNS DE VIDA DE BARRIOS MARXINAIS
A Directora Xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, visitou estes días o proxecto que a ONGD Asamblea de Cooperación pola Paz está a desenvolver na República Dominicana financiado polo goberno galego. Esta visita enmárcase dentro da viaxe institucional que Sotelo está a realizar por Cuba, Haití e República Dominicana co fin de supervisar cómo se están a invertir os cartos que o seu departamento destina para proxectos de cooperación nestes países.
Na súa visita Sotelo comprobou os avances nas accións encamiñadas a mellorar a situación socio-económica dos barrios do sector de Los Mina Norte nos arredores de Santo Domingo, entre elas as orientadas a mellorar a seguridade de núcleos de vivendas situadas en zona de alto risco de ríadas. Tamén se reuniu con mulleres que grazas ao proxecto poden disfrutar de microcréditos que lles permiten crear pequenos negocios cos que cubrir as súas necesidades máis básicas.
Este é o terceiro ano consecutivo que este proxecto se está a levar a cabo contando co financiamento do goberno galego. Neste ano a Xunta aporta 133.000 euros para o desenvolvemento deste plan xestionado pola ONGD galega Asamblea de Cooperación pola Paz tendo como contraparte dominicana a ONGD Tu Mujer.
Máis de 1.800 familias, especialmente poboación infantil, adolescentes e mulleres en edad fértil son as beneficiarias deste programa integral de actuación que se está a desenvolver nos barrios marxinais de La Barquita, Puerto Rico, Vietnam e Katanga a escasos quilómetros da capital dominicana de Santo Domingo.
Obxectivos do proxectoIncidir sobre as condicións físico - ambientais e sanitarias, así como contribuir a mellorar a situación económica das mulleres e mozas en situación de extrema pobreza destes barrios, son os obxectivos que se pretenden acadar con este proxecto que vén de visitar a Directora Xeral de Cooperación Exterior.
Un dos problemas nos que se está a facer especial fincapé é o do desemprego, sobre todo o femenino, xa que son as mulleres e as mozas as que pola súa baixa escolarización e os prexuizos culturais presentan unhas menores taxas de inserción laboral. Para paliar esta situación estáselles a dotar da capacitación necesaria para acceder con garantías ao mundo laboral, facilitándoselles o acceso a microcréditos para crear pequenas empresas que lles permitan mellorar a calidade de vida delas e máis dos seus cativos.
Entre as accións que se están a desenvolver destacan tamén as relacionadas co ámbito sanitario. Estase a crear unha rede de promotores voluntarios que orientarán ás familias en condicións de pobreza en temas relacionados coa saúde materno-infantil. Ademáis preténdese facilitar o acceso ao sistema público de saúde primaria mediante o aumento de cobertura da Unidade de Atención Primaria de Los Mina Norte, co obxectivo de reducir a incidencia de enfermidades na comunidade, especialmente aquelas que afectan a nenos e mulleres.
O proxecto tamén conta con accións encamiñadas a fortalecer as organizacións de base da comunidade. Así estanse a realizar varios talleres dirixidos aos líderes comunitarios para capacitalos en aspectos como estratexias de negociación e manexo de conflitos.
Previsión ante as catástrofes ambientaisO proxecto de Asamblea de Cooperación por la Paz está tamén a levar a cabo unha serie de obras destinadas a mellorar as condicións ambientais e á protexer a poboación en caso de desastre, habilitando viais que poidan ser utilizados en caso de desastre natural e que permitan a rápida evacuación da poboación, reducindo así o índice de mortes.
Outra das accións que se están a realizar é a creación de muros de contención para a estabilización de pendentes, de xeito que se reduzan os riscos de derrubamento e deslizamentos de terra, sobre todo en zonas onde existen vivendas en zonas inseguras.
O terceiro dos campos de actuación céntrase na creación de infraestruturas que permitan reducir os niveis de contaminación e insalubridade que actualmente padece a poboación, pois permitirá que pequenos vehículos recolectores recollan a basura periódicamente facilitando a limpeza do entorno.