A DIRECTORA XERAL DE COOPERACIÓN PARTICIPA NA VI SEMANA INTERCULTURAL DO IES DO SAR
A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, compartiu na xornada de onte un dos espazos de reflexión que o Instituto de Educación Secundaria de Sar, desenvolveu o longo desta semana cultural Quen cose as nosas zapatillas? Nenos e Nenas do Mundo.As rapaces e rapaces abriron a xornada cun poema de Bertolt Brecht, a titular de Cooperación para o Desenvolvemento continuou cun relatorio no que explicou aos alumnos e alumnas deste centro de secundaria, o traballo desenvolvido pola cooperación galega, tanto dende os axentes da cooperación, coma directamente dende a Xunta de Galicia.Sotelo, fixo especial fincapé na importancia da educación coma ferramenta para a superación das situacións de pobreza, e para que sexan os propios países do Sur os que protagonicen o seu desenvolvemento. Salientou que “na actualidade 80 millóns de nenas e nenos non teñen oportunidade de ir a escola, e 800 millóns de persoas adultas non saben ler nin escribir, sendo máis da metade mulleres”.Fixo un breve percorrido polos fitos máis importantes da cooperación realizada dende Galicia: como a creación da Coordinadora Galega de ONGD, a aprobación da Lei 3/2003 de Cooperación para o Desenvolvemento, ou do primeiro documento estratéxico consensuado entre a institución e o sector, e levado adiante coa unanimidade do Parlamento de Galicia, Plan Director 2006 – 2009; e lembroulles aos participantes a misión da cooperación e o recoñecemento do Desenvolvemento coma Dereito Fundamental pola Asemblea das Nacións Unidas o 4 de decembro do ano 1986. Apoiou esta intervención coa proxección do documental “Rompendo o Berce da Pobreza”, realizado o pasado mes de marzo cun equipo da TVG, co soporte da dirección xeral de Cooperación Exterior, no que se expoñían diversos programas de Educación, Empoderamento da Muller, Saúde ou Desenvolvemento Produtivo, en Perú e Bolivia.
As rapazas e rapaces abriron debate, incidindo en temas como as diferenzas no desenvolvemento entre o rural e as cidades, entre os países de África e de América Latina, a misión institucional do departamento de cooperación exterior como garante de que os fondos aportados por todos os galegos e galegas chegan integramente á poboación beneficiaria dos proxectos; ou os niveis de compromiso do executivo galego coa calidade e eficacia da axuda, recollidos asemade na Declaración de París. A directora xeral, rematou animándoos a informarse, a facer crítica e a involucrarse na loita contra a pobreza e as súas causas.