Novas de Cooperación Galega
09/04/2008
Xeral

A DIRECTORA XERAL RECIBE AO DR. AMBALAVANAN, DA ONG INDIA PEOPLE DEVELOPMENT INITIATIVES

A directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, Fabiola Sotelo, mantivo esta mañá unha xuntanza co doutor Ambalavanan, representante da ONG india People Development Initiatives (PDI), e con María Reimóndez, presidenta da ONGD galega Implicadas/os no Desenvolvemento.

Ambalavanan é director de Programas de Desenvolvemento Urbano na organización india People Development Initiatives, entidade que traballa nos eidos de desenvolvemento urbano, prevención e control da SIDA e reconstrución trala tsunami. A súa visita enmárcase dentro do proxecto de sensibilización Vanakkam!  Levado a cabo por Implicadas/os no Desenvolvemento e é cofinanciado pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior.

Tal e coma recolle o I Plan Director, a sensibilización da cidadanía galega e un obxectivo estratéxico da Cooperación Galega.  Poñer de relevo a situación dos países do Sur debe servir non só na loita contra a pobreza senón tamén para fomentar a participación da cidadanía galega nas iniciativas solidarias e difundir os valores vencellados ao desenvolvemento.  Así, Vanakkam! ten como obxectivo achegar á sociedade galega non só a cooperación ao desenvolvemento, senón tamén a realidade da India.