Novas de Cooperación Galega
18/11/2008
Xeral

A DIRECTORA XERAL REUNIUSE ESTA MAÑÁ COS ALCALDES DE LINCE E SURQUILLO, DE LIMA, PERÚ

Hoxe  tivo lugar a reunión entre a Directora Xeral de Cooperación Exterior,  Fabiola Sotelo, e os alcaldes das Municipalidades de Lince,  Martín Príncipe Laínes e Surquillo, Gustavo Sierra, distritos de Lima, Perú.  Na reunión estiveron  acompañados por Lino González-Dopeso, concelleiro de Medio Ambiente de Lugo e  José Antonio Vázquez, representante da Asociación Galega de Hemofilia.

Perú é un país cun significativo índice de extrema pobreza, que atinxe a un 23,9% da poboación. A súa débeda externa é alta (47%), especialmente respecto ao servizo da débeda (25% do PBI).  No Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) do Programa das Nacións Unidas publicado en 2007, Perú ocupa o posto número 87 (de 177). Pese a ser  considerado un país de desenvolvemento humano medio, hai que salientar que perdeu cinco postos dende o ano anterior. 

A reunión encadrouse no seguimento dende as municipalidades de Lince e Surquillo do microproxecto, CooperHemos: Desenvolvemento e promoción da comunidade hemofílica de Perú que pretende desenvolver capacidades na Asociación Peruana da Hemofilia para promover o cambio e acadar maiores niveis de desenvolvemento que beneficien directamente ás persoas con hemofilia. 

Esta iniciativa encádrase dentro do Programa de Irmandamento de Organizacións de Hemofilia da Federación Mundial. Centrarase especialmente na capacitación, entendendo esta como a transmisión de coñecementos, valores e destrezas sobre asuntos tales como relacións institucionais, formación de voluntarios e xuntas directivas, plans estratéxicos, e recadación de fondos.  As municipalidades de Lince e Surquillo están activamente implicadas no microproxecto e proporcionaron o espazo para a sede da Asociación Peruana da Hemofilia.