Novas de Cooperación Galega
18/08/2006
Xeral

DÚAS CURTAMETRAXES CONTRIBÚEN Á SENSIBILIZACIÓN E SOLIDARIEDADE DAS MOZAS E MOZOS GALEGOS COAS REALIDADES DO SUR

O proxecto Dialogando co sur. Palestina – Honduras – Sahara Occidental, promovido pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior e Solidaridade Internacional Galicia, conclúe a súa andaina pola senda da cooperación e creatividade xuvenil galega. A campaña, enmarcada no proxecto de sensibilización e educación cidadadá a prol da concienciación das realidades do Terceiro Mundo, levou a tres mozos nativos a emprender un tour didáctico por máis de vinte institutos galegos co fin de transmitir aos mozos as principais dificultades e carencias das súas respectivas poboacións. Maria Rashmawi, Lasseiri Babia e Alberto Castillo, de Palestina, Sahara Occidental e Honduras respectivamente, puxeron voz ás testemuñas da confrontación árabe-israelí, aos campos de refuxiados do deserto do Sahara e á situación de marxinación da poboación indíxena nos países latinoamericanos.

Ao mesmo tempo que relataron as súas experiencias, Maria, Lassieri e Alberto alentaron aos estudantes a participar no concurso fílmico que organizaron de forma conxunta a Xunta de Galicia e Solidariedade Internacional Galicia. Ao certame presentáronse ducias de guións escritos íntegramente por estudantes da E.S.O de toda Galicia, pero tan só dous resultaron gañadores: Fogar doce Fogar e 2 – 0 , presentados polos I.E.S Valadares de Vigo e o I.E.S García Barbón de Verín. A labor de sensibilización e concienciación no eido da cooperación exterior trascendeu á Escola de Audiovisuais da Facultade de Ciencias Sociáis de Pontevedra, que contribuíu a que ámbolos dous guións gañadores puideran ser rodados, producidos e realizados. Na actualidade atópanse a disposición dos internautas no espazo web www.solidaridadgalicia.org.

A Xunta de Galicia e Solidaridade Internacional de Galicia elaboraron un material didáctico que se adxunta coas curtametraxes gañadoras e que ten como eixe o relato das situacións de fondo dos países seleccionados. No caso de Palestina, a pedra de toque compona a difícil supervivencia á que están sometidas as poboacións de Gaza e Cisxordania por mor do conflicto árabe- israelí xurdido a redores do ano 1948. O documento leva por subtítulo Infancia e Xuventude e aporta datos cuantitativos e cualitativos ao respecto.

A situación das comunidades indíxenas no mundo é outra das preocupacións dos organismos particpantes no proxecto. A marxinación, o illamento, a desnutrición e o analfabetismo son os principais males que azotan aos indíxenas das rexións da América Latina, algo que se fai patente en Honduras e os seus veciños centroamericanos, onde se concentran preto de trece millóns de descendentes de nativos precolombinos.

No boletín anexo do Sahara Occidental rexístrase que se consideran refuxiadas “aquelas persoas que por motivo de raza, relixión, nacionalidade, pertenza a un determinado grupo social ou por ter unhas determinadas opinións políticas temen ser perseguidas no seu país e por iso se encontran fóra do mesmo , ao que non poden ou queren regresar”. Nesta situación atópase a maioría da poboación saharauí dividida entre catro distritos dsipersos no deserto, á espera do referéndum que decida o seu destino.

Pola súa banda, Solidaridade Internacional Galicia ten establecidos xa os seus lazos de cooperación e axuda nas rexións seleccionadas para a campaña. Dende 1994, en Palestina, traballa en proxectos de asistencia xurídica e defensa dos dereitos humanos dos detidos en Israel, programas de saúde maternoinfantil para mulleres, a ampliación da atención primaria nas zonas rurais de Gaza e Cisxordania e axuda humanitaria no Hopital de Makassed de Xerusalén. En Honduras, dende a súa creación, Solidaridade Galega realiza proxectos de cooperación a través do envío de equipos médicos especializados. Ademáis, o pasado mes de Outubro enviou ás zonas máis deprimidas de Tegucigalpa un oftalmólogo, un odontólogo, dous pediatras, dous ATS e un coordinador médico. Non menos presente se atopa o seu selo en areas saharauís, pois en dezaséis anos ten destinado máis de vintecinco millóns de euros en proxectos de axuda humanitaria. Asimesmo, ao Sahara chegaron máis de 30.000 toneladas de alimentos e importantes inversións en infraestructuras escolares, hospitalarias e gandeiras.

Coa iniciativa Dialogando co sur. Palestina – Honduras – Sahara Occidental, a Xunta de Galicia afonda no traballo orientado a dar cumprimento ao primeiro dos obxeticvos recollidos no Plan Director da Cooperación Galega para o Desenvolvemento no periodo 2006- 2009, no que se reflexa a vontade de realizar unha política activa e integral de fomento do coñecemento das desigualdades no mundo, de sensibilización da poboación galega para a súa superación e de educación para o desenvolvemento.