Novas de Cooperación Galega
03/01/2006
Xeral

EMILIO PÉREZ TOURIÑO APOSTA “POR DIGNIFICAR E INCLUÍR A COOPERACIÓN INTERNACIONAL NA ACCIÓN POLÍTICA TRANSVERSAL DO GOBERNO GALEGO”

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, manifestou hoxe o compromiso do Goberno que preside na loita contra o empobrecemento. O máximo mandatario autonómico presentou as liñas mestras do Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009, que “pretende ser a nosa actuación e o noso compromiso fundamental na cooperación ao desenvolvemento”. Pérez Touriño sinalou que o obxectivo é “dignificar e incluír a cooperación internacional na acción política transversal do Goberno galego, fortalecéndoa en medios materiais e humanos para poder levala a cabo”. Neste sentido, subliñou que se acadará o 0,4 por cento dos orzamentos da Xunta ao cabo desta lexislatura para este fin o que, segundo sinalou, “supón multiplicar por máis de oito a achega actual”.

“No desexo de cambio político que os galegos e galegas expresaron nas urnas, unha cooperación ao desenvolvemento transformadora debe, e vai ter, un papel fundamental”, dirixindo a acción do Goberno galego tamén aos países menos adiantados, asegurou Pérez Touriño, que tamén avogou por seguir os Oito Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio para o 2015, establecidos na Asemblea Xeral da ONU, priorizando a cooperación con aqueles países cuns maiores niveis de pobreza. 

Neste sentido, o presidente da Xunta indicou que, tanto nos países da África Subsahariana como nos de América Latina nos que se concentrará a axuda para asegurar un maior impacto deste Plan Director da Cooperación Galega, se vai primar a cooperación cos sectores máis débiles e excluídos da poboación, a través de proxectos que favorezan “os esforzos e a responsabilidade dos gobernos e da sociedade civil na cobertura de necesidades básicas; no investimento no ser humano; na transferencia de tecnoloxía; e na creación de infraestrutura e tecido económico de base”.

Política de sensibilización e comunicación á sociedadeNa súa intervención, o máximo mandatario autonómico tamén considerou prioritaria a implicación da cidadanía galega para facer fronte a este reto. “Precisamos do apoio decidido e esixente dunha sociedade galega cada vez máis sensibilizada por solucionar o que é, sen dúbida, o noso principal problema, o principal problema da humanidade: a absoluta desigualdade de oportunidades que implica nacer nun lugar ou noutro do planeta”.

Ante esta necesaria implicación da cidadanía, Pérez Touriño anunciou que a primeira preocupación do Goberno que preside nos vindeiros catro anos será a de realizar e fomentar “unha política activa e integral de sensibilización e comunicación á sociedade galega” sobre a necesidade e a realidade da súa cooperación, co obxecto de lograr “un enraizamento máis sólido dos valores e comportamentos responsables e solidarios”.

Fortalecemento e coordinación dos actores de cooperaciónAsí mesmo, o presidente da Xunta avogou por fortalecer todos aqueles actores do sistema galego de cooperación, especialmente as Organizacións non Gobernamentais para o Desenvolvemento (ONGD), fomentando a formación técnica, a experiencia compartida, unha maior independencia financeira e a prestación de axudas para a elaboración de plans estratéxicos.

Emilio Pérez Touriño asegurou, neste sentido, que a procura da máxima coordinación entre todos os actores da cooperación, tanto en Galicia como nos países onde se vai actuar, será “un requisito básico e imprescindible que dirixirá todas as accións da Xunta nesta área”.

Concretamente, o Goberno galego impulsará a educación para o desenvolvemento, para acadar un maior impacto, implicación e intercambio de experiencias solidarias entre os nenos e as nenas galegas; potenciará a investigación e a formación en todos os campos da educación superior; tentará buscar sinerxías cos diversos sectores galegos que teñen experiencia na cooperación ao desenvolvemento; e apostará polo movemento a favor do comercio xusto e o consumo responsable, para demostrar que é factible a competitividade con produtos de calidade e unha globalización “diferente”, na que a norma sexan os salarios dignos, a non explotación dos nenos, a igualdade do home e da muller no traballo e o respecto polo medio ambiente.

Etapa “decisiva”“A cooperación galega aborda con ilusión este novo tempo político. A esta ilusión eu engadiría a responsabilidade e o convencemento de que estamos ante unha etapa decisiva da cooperación galega, probablemente única, para acadar un sistema galego de cooperación forte, esixente, integrado, independente e orientado a transformar unha realidade obxectivamente inxusta”, concluíu Pérez Touriño.

Na súa intervención, a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, agradeceu o apoio e implicación neste acto dos diferentes sectores relacionados coa cooperación galega, especialmente a do titular do Executivo autonómico. Sotelo salientou que “é a primeira vez na historia da nosa Autonomía que o presidente da Xunta brinda o seu apoio explícito á difusión das liñas xerais de actuación neste eido”. Así mesmo, a directora xeral avanzou que “a partir de hoxe proporemos a todos os actores recoñecidos na Lei de Cooperación para o Desenvolvemento que analicen, discutan e colaboren na nosa proposta do primeiro Plan Director “.

O proceso de redacción deste plan culminará coa aprobación polo Parlamento de Galicia, a proposta do Consello da Xunta e tras o informe previo do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento.

No acto de presentación do Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009 tamén participaron, ademais do presidente do Goberno galego e da directora xeral de Cooperación Exterior, os representantes de ONGD galegas, o presidente da súa Coordinadora, o presidente e  distintos representantes do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e tamén representantes da Universidade e das distintas consellerías do Goberno galego.