Novas de Cooperación Galega
12/04/2017
Xeral

Entrada en vigor do Decreto 29/2017,do 9 de marzo, de cooperación para o desenvolvemento

Hoxe, día 12 de abril, entra en vigor o Decreto 29/2017,do 9 de marzo, de cooperación para o desenvolvemento (DOG Nº 58, do 23 de marzo de 2017), que supón unha actualización da normativa de desenvolvemento, encamiñada a simplificar e facer máis operativos o Rexistro de Axentes, os órganos de cooperación e asesoramento, as relacións interadministrativas e a xestión das subvencións para proxectos de cooperación.

Este decreto vén motivado pola aprobación de novas leis transversais como a Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración Local, a Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, e a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, que recollen preceptos en relación á cooperación das entidades locais, aos órganos de coordinación e asesoramento da cooperación galega e aos empregados públicos, respectivamente, o que facía necesario desenvolver a dita normativa.

Para calquera dúbida ou incidencia relacionada coa presentación das solicitudes na sede electrónica e/ou o sistema de notificación que regula o novo Decreto, poden dirixirse ao Servizo de Atención á Cidadanía a través dos seguintes medios: por correo electrónico (012@xunta.gal) ou por teléfono (012 se chama dende Galicia ou 902 112 000 se chama dende fóra de Galicia).