Novas de Cooperación Galega
13/12/2006
Xeral

A EXPOSICIÓN AFOGADOS NO DESERTO DO FOTÓGRAFO GABRIEL TIZÓN AMOSARÁ EN SANTIAGO COMO VIVE HOXE O POBO SAHARAUÍ

Mañá abre as súas portas en Santiago de Compostela a exposición Afogados no deserto do fotógrafo galego Gabriel Tizón. Trátase dunha mostra formada por 25 imaxes da vida do pobo saharauí nos campamentos de refuxiados de Tinduf (Alxeria) tomadas en febreiro deste ano polo fotoxornalista galego.

Esta mostra, organizada pola Coordinadora Galega de ONGD´s e financiada pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior e a Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda do Goberno galego pretende achegar a realidade deste pobo á cidadanía galega. Trátase duna iniciativa itinerante que a partir de mañá e ata o vindeiro 31 de decembro permanecerá no local da Obra Social de Caixa Galicia (na Rúa Carreira do Conde) e que, posteriormente, se amosará no Forum Metropolitano da Coruña entre o día 2 e o día 16 de xaneiro de 2007.

Á inauguración oficial que se celebrará mañá ao mediodía asistirán a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, e maila directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero, ademais dun representante da Coordinadora Galega de ONGD´s e o propio fotógrafo para facer un percorrido explicativo da mostra.

A exposición está estruturada en dúas partes. Por unha banda, unha serie de fotografías tomadas en diferentes campamentos que foron afectados polas inundacións de principios de ano, e por outra un grupo de imaxes realizadas nos territorios liberados de Tifariti, que amosan o orgullo do pobo saharauí o día da conmemoración do 30 aniversario da formación do Frente Polisario, partido que goberna a República Árabe Saharauí Democrática (RASD) desde o seu nacemento.

Gabriel TizónO fotógrafo Gabriel Tizón naceu en Ferrol en 1973 e iniciou a súa andadura profesional no xornal El Correo Gallego. Ao longo destes anos traballou para diversos xornais e axencias de información tanto do ámbito de Galicia como Español e Internacional. Así mesmo, ten realizado máis dun cento de exposicións individuais e colectivas en distintos países.