Novas de Cooperación Galega
12/11/2006
Xeral

FABIOLA SOTELO ANALIZA CON ONGD'S DE MOZAMBIQUE, ECUADOR, BRASIL E MÉXICO ACTUACIÓNS EN MATERIA DE COMERCIO XUSTO

Fabiola Sotelo, directora xeral de Cooperación Exterior do Goberno galego, reuniuse esta mañá con representantes de Organizacións Non Gobernamentais para o Desenvolvemento de Mozambique, Ecuador, Brasil e México para analizar actuacións conxuntas en materia de Comercio Xusto.

Neste encontro, celebrado esta mañá en Santiago, participaron, Izelia Simbine representante da ONGD Amprodec Mozambique, Enrique Medina de Maquita Ecuador, Edvar Lavarti membro do Movemento dos sen Terra de Brasil, e Luis Martínez integrante da Unión de Comunidades Indíxenas de México, que están estes días en Galicia para participar nun seminario sobre agricultura e desenvolvemento.

A directora xeral resaltou a importancia da celebración destes seminarios como xeito de intercambiar experiencias e coñecer a problemática de moitos países en vías de desenvolvemento, neste caso no eido da agricultura, e expresoulles o compromiso da Xunta de Galicia co comercio xusto e o consumo responsable.

Os membros das ONGD´s, pola súa banda, fixeron fincapé na necesidade de concienciar e sensibilizar a poboación tanto de Galicia como dos seus respectivos países no consumo de produtos de comercio xusto. Segundo explicaron, esta maior conciencia sobre as condicións de produción e a exixencia dun pago razoable por ela redundará en beneficio da comunidade campesiña, conseguindo que moitas comunidades poidan vivir con dignidade.

Ao longo do encontro coa directora xeral de Cooperación Exterior, amosáronse tamén sorprendidos por ter atopado semellanzas nalgúns problemas que afectan ás comunidades campesiñas tanto en Galicia como nas súas rexións de orixe. Edvar Lavarti aludiu neste sentido ao proceso de abandono das tarefas agrícolas que se está a dar tanto en moitas zonas de Brasil como na zona rural do noso país.

Sensibilización cara a un consumo responsable A dirección Xeral de Cooperación Exterior está a desenvolver na actualidade varias liñas de actuación neste eido. Trátase de incrementar a sensibilización dos cidadás galegos de cara á súa responsabilidade como consumidores. Se están a desenvolver campañas e se está a prestar apoio para o desenvolvemento de proxectos no terreo co fin de fortalecer as iniciativas de produtores que comercialicen os seus produtos mediante o comercio xusto.

Dende a Administración autonómica, se está a potenciar a inclusión dos produtos de comercio xusto no consumo nas institucións galegas (Xunta de Galicia, Parlamento de Galicia, Universidade de Santiago, entre outros) e como agasallo protocolario. Así mesmo, se está a avanzar na elaboración dun estudo inicial, de acordo cos axentes implicados, para a definición dunha “estratexia galega global de comercio xusto”.

Actuacións con sete ONGD´sTrátase de promover unha actitude cidadá que contribúa á mellora real das condicións de vida dos produtores e demais traballadores dos países subdesenvolvidos, a través da consolidación do comercio xusto como alternativa viable de mercado. Neste contexto, este ano a Dirección Xeral de Cooperación Exterior colabora en materia de sensibilización e potenciación do comercio xusto con sete ONGD´s: A Cova da terra, Intermon Oxfam, Amigos da Terra, Implicadas no desenvolvemento, Solidariedade Internacional, Enxeñería sen Fronteiras e Amarante, organizadora do seminario no que participaron os representantes destas ONGD´S.