FABIOLA SOTELO ANALIZARÁ MAÑÁ A PERSPECTIVA DE XÉNERO NA COOPERACIÓN, NO CONGRESO MUNDIAL DE MULLERES DA VÍA CAMPESIÑA, LABREGAS SEMENTANDO IGUALDADE
A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, analizará mañá a perspectiva de xénero no sector da cooperación ao desenvolvemento galego, na sesión de apertura da terceira xornada do Congreso Mundial de Mulleres da Vía Campesiña. Labregas sementando a igualdade, que se está a celebrar dende o pasado mércores en Santiago de Compostela, coa participación de representantes de asociacións de mulleres rurais de todo o mundo.
Neste encontro, organizado polo Sindicato Labrego Galego, a Coordinadora Labrega Europea e A Vía Campesiña, coa colaboración da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, a Secretaría Xeral de Igualdade e a Deputación da Coruña, están a participar máis de cen mulleres procedentes de Honduras, México, Nicaragua, República Dominicana, Brasil, Bolivia, Vietnam, Corea, India, EE.UU., Suecia, Noruega, Austria, Francia e Holanda, ademais das orixinarias de Galicia e España.
Trátase dun foro de encontro para analizar a situación na que viven e traballan as mulleres no medio rural en xeral, e as que se dedican a actividade agraria en particular. Con este encontro preténdese propiciar a formación das participantes no pensamento feminista e contribuír á cooperación entre delegacións e asociacións para articular a loita contra a violencia de xénero e a discriminación no acceso aos medios de produción, segundo explicou a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego Lidia Senra no acto de inauguración.
Lidia Senra destacou que “as mulleres labregas desempeñan un papel fundamental na produción de alimentos” xa que, segundo datos da FAO, son as encargadas de producir o 70% da alimentación familiar nos países en desenvolvemento e o 50% a nivel planetario. “No entanto, -dixo- a pobreza, a fame e a falta de recoñecemento profesional afectan dun xeito moi importante a escala mundial ás labregas na consecución pena e real da igualdade de oportunidades”.
Análise rexional e actuacións de futuroNa xornada de mañá, ademais da intervención da directora xeral de Cooperación Exterior, as representantes das diferentes rexións participantes presentarán informes para unha posta en común e análise da violencia sobre as mulleres no mundo rural. Pola tarde, farase un percorrido pola situación a nivel profesional nos distintos países e revisaranse os avances acadados neste eido nos últimos tempos. Ao remate da xornada estableceranse os obxectivos e liñas de traballo para o vindeiro ano.