Novas de Cooperación Galega
05/07/2006
Xeral

FABIOLA SOTELO ANALIZARÁ A PERSPECTIVA DE XÉNERO NA COOPERACIÓN GALEGA NO CONGRESO MUNDIAL DE MULLERES DA VÍA CAMPESIÑA QUE O SINDICATO LABREGO GALEGO CELEBRARÁ EN SANTIAGO EN OUTUBRO

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, analizará a perspectiva de xénero no sector da cooperación ao desenvolvemento galego no Congreso Mundial de Mulleres da Vía Campesiña que o Sindicato Labrego Galego (SLG) está a organizar para o vindeiro mes de outubro en Santiago de Compostela.

A secretaria xeral deste sindicato, Lidia Senra, reuniuse esta mañá con Sotelo para presentarlle o programa do congreso, no que participarán mulleres en representación de diferentes organizacións labregas galegas, españolas, europeas e mundiais para analizar a situación na que traballan e viven as mulleres do medio rural en xeral e as dedicadas ás actividades agrarias en particular. Este seminario inscríbese dentro das actividades da secretaría das mulleres de Vía Campesiña, a organización campesiña máis grande de todo o mundo, con máis de 40 millóns de membros.

Fabiola Sotelo confirmoulle a Lidia Senra a colaboración da Dirección Xeral de Cooperación Exterior con este evento por coincidir “cunha das vías de actuación prioritaria da Xunta de Galicia en materia de accións a prol do desenvolvemento”. Segundo indicou Sotelo, “a promoción da igualdade entre mulleres e homes é asumida polo Goberno galego como un compromiso en calquera das súas intervencións e especialmente no mundo da cooperación”. “As mulleres son o motor e a garantía de efectividade da maioría dos proxectos cos que agora mesmo está a colaborar a Dirección Xeral de Cooperación Exterior” indicou.

Lidia Senra destacou que “as mulleres labregas desempeñan un papel fundamental na produción de alimentos” xa que, segundo datos da FAO, son as encargadas de producir o 70% da alimentación familiar nos países en desenvolvemento e o 50% a nivel planetario. “No entanto, -dixo- a pobreza, a fame e a falta de recoñecemento profesional afectan dun xeito moi importante a escala mundial ás labregas na consecución pena e real da igualdade de oportunidades”.

O Congreso Mundial de Mulleres da Vía Campesiña: Labregas sementando igualdade contará coa participación de delegacións de diversas comunidades autónomas españolas e da India, Corea, Guatemala, Honduras, Nicaragua, México, República Dominicana, Bolivia, Cuba, Estados Unidos, Colombia, Chile, Mozambique, Malí, Vietnam, Austria, Noruega, Francia, Holanda, Alemaña, Portugal, entre outros.