FABIOLA SOTELO ANUNCIA A CREACIÓN DA REDE DE FUNCIONARIOS COOPERANTES GALEGOS
A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, anunciou hoxe a creación da Rede de Funcionarios Cooperantes Galegos, que permitirá que funcionarios da Xunta de Galicia participen nos proxectos de axuda ao desenvolvemento que o Goberno galego ten en países de América e África.
Segundo adiantou Sotelo nunha entrevista na Televisión de Galicia, esta iniciativa da Dirección Xeral de Cooperación Exterior estará en marcha a finais deste mesmo ano. No entanto, asegurou que todos os funcionarios galegos “poden xa solicitar a súa participación en diversos programas que contemplan esta posibilidade”. Concretamente referiuse, ao proxecto Vacacións con traballo, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade FOGACOSOL en colaboración coa Xunta de Galicia para achegar técnicos dos municipios galegos a proxectos en distintas rexións empobrecidas.
A semana pasada, dous técnicos da Administración local desprazáronse a Cabo Verde para achegar o seu coñecemento en medio ambiente e urbanismo no marco desta iniciativa. O programa Vacacións con traballo contempla que os funcionarios dos municipios galegos viaxen ao sur durante o seu período vacacional.
Estancias de seis meses e un anoA Rede de Funcionarios Cooperantes Galegos permitirá, en cambio, estancias máis prolongadas. Segundo o previsto, haberá dous posibilidades para solicitar estas estancias. As que sexan de ata seis meses artillaranse a través dunha comisión de servizos, mentres que as de maior duración faranse posible coa concesión de excedencias.
Fabiola Sotelo destacou que “hai boa vontade e receptividade” cara a este tipo de programas no funcionariado galego e que ten constatado a “expectativa dos traballadores da Xunta” de cara a esta iniciativa. Neste sentido, engadiu que o programa servirá para achegar a solidariedade e os coñecementos dos técnicos galegos en ámbitos como a pesca, o medio ambiente e a agricultura, viaxando “con garantías”.