Novas de Cooperación Galega
01/11/2005
Xeral

FABIOLA SOTELO APOSTA POLO “COMERCIO XUSTO” E ASEGURA QUE A COOPERACIÓN AO DESENVOLVEMENTO “TEN QUE SER PARTE ESENCIAL DA ACCIÓN EXTERIOR DA COMUNIDADE AUTÓNOMA”

A directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, Fabiola Sotelo Sotelo, apostou esta mañá polo consumo responsable e porque a cooperación ao desenvolvemento sexa “parte esencial da acción exterior da Comunidade Autónoma”. Fabiola Sotelo fixo estas declaracións na presentación da campaña de comercio xusto Para todos, para todas, en todas partes, promovida pola Coordinadora Galega de ONGD e apoiada pola dirección xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia. No acto, que se celebrou no Club Internacional de Prensa de Santiago, tamén participaron o Presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, Emilio Martínez Rivas; e maila responsable técnica desta organización, María del Mar Lado.

A directora xeral salientou que escollera esta presentación, “xunto a Coordinadora e as ONGD, como primeira intervención pública” dende que asumiu o seu cargo porque “é o mellor foro para dar comezo á nosa andadura na importante tarefa que nos teñen encomendado”. Segundo indicou, “o reto é grande” pero avogou porque a Cooperación ao Desenvolvemento ten que pasar a ser parte esencial da acción exterior da nosa Comunidade”.

Neste contexto situou Fabiola Sotelo as actuacións en materia de comercio xusto. Na súa opinión, co “consumo responsable” preténdese “a redución da brecha Norte-Sur” a través do intercambio económico e se “ataca directamente as causas estruturais da desigualdade e da pobreza”. Porén, ofreceu o “apoio decidido” da Xunta de Galicia a estas actuacións, “tanto no comercio xusto como nesta campaña en particular”.

Café do comercio xusto na Administración autonómicaNa súa intervención, a directora xeral de Cooperación Exterior adiantou que a Xunta de Galicia está a estudar a introdución do consumo do café do comercio xusto nas dependencias da Administración autonómica, nas do Sergas e nas das Universidades Galegas. Sotelo explicou que co “consumo responsable” cada un de nós, “ao decidir se mercar ou non un produto, podemos tamén decidir se aceptamos ou non as condicións económicas ou laborais nas que se fabricou”.

A campañaEsta campaña pretende achegar á cidadanía o significado do comercio xusto, os seus principios e os seus obxectivos. Esta actuación, promovida pola Coordinadora Galega de ONGD e apoiada pola Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior; desenvolverase ao longo dos vindeiros meses achegando o material informativo ao público e as diferentes organizacións xuvenís e sociais.

Para contribuír a promover este tipo de comercio, editouse unha guía informativa de 32 páxinas, na que se explica a historia do Comercio Xusto, os seus fundamentos e se ofrece información detallada dos puntos de venda dos produtos. Así mesmo, imprimíronse trípticos, carteis, postais, carpetas e separadores de libros para espallar a mensaxe Solidariedade, Igualdade, Progreso. Prezo Xusto. Traballo digno. Como actividade complementaria, realizaranse presentacións de conta-contos. A primeira delas, mañá en Santiago. Juanjo Rodicio actuará ás 21,30 horas na Casa das Crechas con Cantos e contos que van máis alá.

Comercio xustoEsta modalidade de venda conta con tendas en seis cidades galegas: Santiago de Compostela, Pontevedra, Ourense, Vigo, A Coruña e Lugo. Os establecementos están xestionados por organizacións solidarias.