Novas de Cooperación Galega
06/11/2006
Xeral

FABIOLA SOTELO APOSTA POR UNHA COOPERACIÓN AO DESENVOLVEMENTO “PROFESIONALIZADA” E “DE CALIDADE”

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, remarcou esta mañá a aposta do Goberno galego para acadar unha cooperación de calidade e cada día máis profesionalizada. Fixo estas declaracións no acto de inauguración da oitava edición do Máster en Cooperación Internacional e das ONGDS da Universidade de Santiago de Compostela, nun acto no que tamén participaron a decana da Facultade de Ciencias Políticas da USC, Nieves Lagares, e un representante da Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI), Antonio García.

Fabiola Sotelo destacou as actuacións que o departamento que dirixe está a desenvolver no terreo formativo, aludindo especialmente á oferta de bolsas formativas en materia de cooperación exterior que se desenvolven ao abeiro dun convenio coa Universidade de Santiago de Compostela. Este acordo permite que varios alumnos do master que hoxe da comezo realicen as súas prácticas profesionais en países nos que se están a desenvolver proxectos financiados pola Xunta de Galicia. Este ano, oito alumnos desprazaranse ao terreo grazas a estas bolsas.

Segundo informou no seu discurso a directora xeral, algúns dos antigos alumnos deste master están na actualidade desempeñando tarefas “verdadeiramente relevantes” dentro do mundo da cooperación internacional para o desenvolvemento”. Concretamente, citou o caso dunha moza galega que vén de asumir a responsabilidade da aplicación do programa da AECI Pesca  Artesanal en Centroamérica no Salvador. 

O dobre de bolseiros en 2007Así mesmo, e segundo anunciou hoxe a directora xeral, outros oito bolseiros terán oportunidade de realizar prácticas profesionais no eido da cooperación internacional este ano, a través dunha convocatoria propia da Xunta de Galicia. Estes bolseiros, traballarán tanto na propia Dirección Xeral de Cooperación Exterior como no terreo, nos distintos países nos que se desenvolvan proxectos financiados ou impulsados por Galicia. Sotelo anunciou que o ano que vén duplicarase o número destas bolsas, pasando das oito deste ano a dezaseis no 2007.

Tamén a profesionalización do sector das Organizacións non Gobernamentais é obxectivo prioritario da Xunta de Galicia. Para conseguilo, se está a traballar no fortalecemento de todos os actores do sistema galego de cooperación; sobre todo, no ámbito da formación técnica, axuda para elaborar plans estratéxicos ou aumento da experiencia compartida.

Implicación de toda a sociedade galegaA directora Xeral de Cooperación Exterior apuntou na súa intervención “á importancia da implicación de toda a sociedade galega e de todos os actores da cooperación” na loita contra as causas da pobreza”. Sotelo incidiu na necesidade de que Galicia “se integre definitivamente nunha comunidade internacional cada vez máis interrelacionada” considerando fundamental o avance na “procura dunha globalización na que a dignidade e o respecto polos dereitos humanos sexa a norma”.

Antonio García, membro do gabinete da dirección da Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI), tamén participou neste acto de inauguración. Na súa intervención, tamén aludiu á necesidade de que todos os axentes sociais participen cunha implicación activa no proceso de loita contra a pobreza e as súas causas.

O representante da AECI salientou o importante esforzo que a nivel orzamentario está a facer o goberno español para conseguir achegarse ao obxectivo do 0,7 % que se pretende acadar no ano 2012. Nun horizonte máis próximo sinalou que “o obxectivo do Goberno é duplicar a axuda oficial destinada ao desenvolvemento nesta lexislatura, de xeito que se chegue a destinar o 0,5% do Produto Interior Bruto a proxectos de cooperación internacional”.

Pola súa banda, a Decana da Facultade de Ciencias Políticas da USC, Nieves Lagares, valorou o apoio institucional ao master que dirixe, asegurando que “ten permitido que varios dos alumnos teñan da oportunidade de comprobar no terreo como se executan os proxectos de cooperación para o desenvolvemento”.