Novas de Cooperación Galega
16/10/2005
Xeral

FABIOLA SOTELO ASEGURA QUE A COOPERACIÓN GALEGA ESTÁ “NUNHA ETAPA DECISIVA E PROBABLEMENTE ÚNICA”

“Estamos nunha etapa decisiva da cooperación galega, probablemente única, para conquerir un sistema de cooperación forte, esixente, integrado, independente e orientado a transformar a realidade insoportablemente inxusta”, asegurou esta mañá a directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, Fabiola Sotelo.

Sotelo pronunciou hoxe en Arteixo a conferencia inaugural das II Xornadas da Cooperación. Retos e oportunidades da cooperación galega, nas que definiu os eixes da acción da Xunta de Galicia nesta materia para os vindeiros anos. Na súa intervención, manifestou que “a cooperación galega aborda con ilusión este novo tempo político” e que, na súa opinión, para acadar un “sistema forte” é necesario contar coa sociedade galega e todos os actores da cooperación, entre os que sinalou especialmente aos Concellos e Deputacións, xunto ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, organizador do encontro.

Neste sentido, manifestou que nestes primeiros meses de xestión se tiña “sorprendido e ilusionado” coas “moitas historias de esforzo, tesón e solidariedade que definen a cooperación galega”. Concretamente, felicitou aos membros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade polo seu “esforzo continuado, dende 1997 ata hoxe, para aumentar e mellorar a cooperación dende os concellos e deputacións galegas con independencia da súa cor política”, polo que “merecen o meu respecto e felicitación”

Máxima colaboración entre todos os actores“A procura da máxima colaboración entre todos os actores” será a máxima que “dirixirá as accións da Xunta nesta área”, segundo asegurou a directora xeral. Fabiola Sotelo comprometeuse a traballar para manter estes preceptos “como requisito básico e imprescindible” da acción do seu departamento.

Entre outra das prioridades do seu proxecto á fronte da dirección xeral de Cooperación, sinalou o “fortalecemento dos actos do sistema galego” nesta materia, con “especial atención ás ONGD galegas ou con presenza activa en Galicia”. Segundo manifestou, “Galicia debe integrarse definitivamente nunha comunidade internacional cada vez máis interrelacionada e avanzar no seu compromiso cos procesos de loita contra a pobreza e as súas causas”, dixo.

Fabiola Sotelo apostou, neste contexto, por achegarnos a “unha globalización na que a dignidade e o respecto polos dereitos humanos sexa a norma” e apuntou que “neste desexo de cambio político que os galegos e galegas expresaron nas urnas, a cooperación ao desenvolvemento transformadora debe e vai ter un papel fundamental”.

“Nos vindeiros catro anos –avanzou- a nosa primeira preocupación será a de realizar e fomentar unha política activa e integral de sensibilización e comunicación” para trasladar á sociedade galega “a necesidade e a realidade da súa cooperación”. Sotelo referiuse concretamente á “educación para o desenvolvemento” baseado no traballo multidisciplinar e transversal da Xunta de Galicia para “conquerir un maior impacto en nenos e nenas e a súa implicación na solidariedade”.

II Xornadas da CooperaciónEsta segunda edición das Xornadas anuais de Cooperación, centradas nos Retos e oportunidades da cooperación galega, afianzan o traballo do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade na aposta por abrir un novo espazo para o debate, o intercambio de ideas e de experiencias entre os distintos axentes desta actividade.

Ao longo da mañá, desenvolvéronse dúas mesas redondas para debullar as carencias económicas da cooperación galega, os seus problemas e as posibles solucións e a aposta pola calidade na cooperación. Nelas participaron expertos da dirección xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, da Coordinadora de ONGDs, das universidades da Coruña e de Santiago.

A conferencia de clausura, a cargo do coordinador internacional da Iniciativa de Cooperación descentralizada do Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento (ART-APNUD), Giovanni Camilleri, achegou o enfoque da experiencia italiana neste eido.