Novas de Cooperación Galega
13/02/2007
Xeral

FABIOLA SOTELO BUSCARÁ MAÑÁ O CONSENSO DE TODOS OS ACTORES DA COOPERACIÓN GALEGA PARA A APROBACIÓN DO PLAN ANUAL DA COOPERACIÓN PARA 2007

Os órganos de coordinación e asesoramento da cooperación galega para o desenvolvemento reuniranse mañá co fin de coñecer en profundidade as accións desenvolvidas neste eido en 2006, así como para valorar o Plan Anual 2007, que lles presentará a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo.

A responsable do goberno galego para as políticas de cooperación, comparecerá ante os tres órganos de asesoramento e coordinación que marca a Lei Galega de Cooperación para o Desenvolvemento de 2003 – CINCODE, CINTERCODE e CONGACODE – para realizar o balance das actividades realizadas polo seu departamento no último ano, así como para presentarlles a proposta do Plan Anual 2007. O plan, que marca as liñas xerais das accións a realizar polo goberno galego en materia de cooperación ao desenvolvemento para este ano, será elevado posteriormente  ao Consello da Xunta para a súa aprobación.

As comisiónsA Comisión Interdepartamental de Cooperación ao Desenvolvemento (CINCODE) está integrada por representantes de todas as consellerías da Xunta de Galicia, sendo o órgano técnico de coordinación entre os departamentos que levan a cabo actuacións neste ámbito.

A Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento (CINTERCODE) ten como función coordinar as accións entre a Xunta e as administracións locais e provinciais. Está integrado por representantes dos departamentos de Administración Local, Facenda, Pesca e Medio Ambiente da Xunta de Galicia, así como por membros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (FOGACOSOL) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

Por outra banda, o Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (CONGACODE) é o órgano de consulta e participación da sociedade galega en materia de cooperación. Conta con representación da Coordinadora galega de ONGDS, das universidades galegas, organizacións sindicais, Comunidades Galegas no Exterior, Confederación de Empresarios de Galicia, Fundación de Caixas de Aforros, membros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (FOGACOSOL), ademais de representantes da Vicepresidencia da Igualdade e Benestar Social, das consellerías de Presidencia, Economía e Facenda, Educación e Ordenación  Universitaria, Sanidade, Pesca e da secretaría xeral de Emigración.