Novas de Cooperación Galega
16/06/2006
Xeral

FABIOLA SOTELO COMPROBA EN NAMIBIA OS RESULTADOS DA COLABORACIÓN GALEGA NO DESENVOLVEMENTO DO CENTRO DE ACUICULTURA CONTINENTAL

O Goberno galego está a participar dende 2003 nun programa de acuicultura continental neste país africano para garantir a seguridade alimentaria da poboación 

 Mediante outro proxecto, executado a través do CETMAR, achegouse formación a traballadoras e traballadores da acuicultura e axentes de extensión pesqueira do Goberno namibio

Dende o ano 2003, a Xunta de Galicia está a colaborar neste proxecto que ten como obxectivo fomentar a acuicultura continental como instrumento de desenvolvemento -contemplado entre os plans do goberno namibio- e coa finalidade de mellorar a seguridade e calidade da dieta alimenticia da poboación mediante o incremento do consumo de peixe. Basicamente, se está a traballar coas especies de tilapia e peixe gato.

Entre os catro obxectivos específicos cos que se vén traballando, se contempla a produción de alevíns para o abastecemento da produción, repoboación de lagos e outras reservas de auga doce, desenvolvemento dunha sección piloto de engorde a escala semi-intensiva e a formación de cultivadoras e cultivadores e persoal técnico do Centro. Para conseguilo, procedeuse á ampliación e dotación deste centro emprazado no norte de Namibia.

Cooperación interinstitucionalAs actuacións leváronse a cabo a través dun programa enmarcado na cooperación estable entre o Ministerio de Pesca e Recursos Mariños de Namibia e a Administración galega, coordinado dende a Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI) e executado a través do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR). Trátase tamén do resulado do compromiso adoptado polo Goberno galego na III Comisión Mixta Hispano-Namibia para prover asistencia técnica e financeira para a construción dun centro de Acuicultura Continental.

Para a posta en marcha deste proxecto realizáronse diversas actividades de adaptacion do terreo (limpeza e reforestación),  fixéronse melloras nas infraestruturas existentes e construíronse novas dependencias dotándoas do material necesario. Ampliouse a planta de pre-engorde coa instalación de seis tanques de plástico dotados cun sistema de recirculación de auga que favorece o crecemento da tilapia en óptimas condicións.

Na actualidade, este centro piloto conta cun estanque de reprodución, unha estación de bombeo, unha torre de auga, un sistema de distribución de auga externa e un edificio principal dotado de dúas áreas diferenciadas. Nel están a área seca (laboratorio, oficinas para persoal técnico, aulas de formación) e a área húmida, (o criadeiro e o almacén)

Formación a través do CETMARComo medida complementaria, leváronse a cabo actuacións de formación de axentes de extensión pesqueira do Goberno Namibio destinados a este sector de acuicultura continental, baseadas na xestión empresarial, medioambiental e de comercialización deste tipo de produtos. Así mesmo, deuse formación en materia de produción ao persoal de plantas de acuicultura. Estas actuacións formativas, realizadas a través do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), contaron cunha achega de 54.000 euros, financiados pola dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta.