FABIOLA SOTELO COMPROMETE NO DÍA INTERNACIONAL DA LOITA CONTRA A SIDA QUE A XUNTA DESTINARÁ A SANIDADE UN MÍNIMO DO 27% DA AXUDA AO DESENVOLVEMENTO
A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, manifestou hoxe no acto de apertura das xornadas A saúde no milenio. Unha asignatura pendente o compromiso do Goberno galego na loita contra o virus da SIDA e o apoio ás políticas que permitan un acceso universal aos medicamentos esenciais.
A directora xeral Cooperación Exterior lembrou que nos vintecinco anos transcorridos dende que se declarou o primeiro caso de SIDA, esta enfermidade ten provocado a morte de 25 millóns de persoas e ocasionado o “máis grande retroceso” na historia do desenvolvemento humano, especialmente naqueles países con menos recursos.
Sotelo remarcou que é necesario “asumir a loita contra a SIDA coa seriedade que se merece” ao mesmo tempo que expresou o compromiso do departamento que ela dirixe “na loita pola garantía de acceso aos medicamentos esenciais.”
Garantir o acceso a atención primariaA directora xeral de Cooperación Exterior incidiu na importancia que dende o seu departamento se lle está dando ao financiamento de accións en materia de saúde nos países en desenvolvemento. Así afirmou que “está previsto dedicar un mínimo do 27% da axuda galega ao desenvolvemento á cobertura das necesidades sociais básicas destes países”, pero “fuxindo de calquera concepción asistencial”. O obxectivo é, segundo palabras da directora xeral, que “tódalas accións se fagan dende o recoñecemento da obriga e responsabilidade do goberno galego en satisfacer un dos dereitos fundamentais do ser humano”.
Sotelo manifestou que dende a Dirección Xeral de Cooperación Exterior estanse a impulsar accións que garantan o acceso a atención primaria, pero tamén noutras áreas como a mellora da saúde infantil e materna, ou relacionadas coa loita contra enfermidades prevalentes como a malaria ou a tuberculose, ademais de a SIDA. Tamén engadiu que a cobertura das necesidades sociais básicas é ante todo “responsabilidade dos países afectados” polo que para que os gobernos cumpran a súa obriga estase a apoiar tamén “estratexias de fortalecemento institucional”.
1.049.000 euros para proxectos de saúdeSotelo remarcou que a Xunta de Galicia está a destinar a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior 1.049.000 euros para proxectos nos que se tenta mellorar as condicións sanitarias de diversas comunidades. Estes proxectos estanse a levar a cabo en Marrocos, Mozambique, Mauritania, Senegal, Tanzania, Perú, Bolivia, Ecuador, Cuba, Guatemala ou Nicaragua.
“A saúde no milenio. Unha asignatura pendente”O curso “A saúde no milenio: unha sinatura pendente” enmárcase dentro do proxecto de sensibilización do mesmo nome subvencionado pola Xunta de Galicia no marco da convocatoria de sensibilización 2006. Farmacéuticos Mundi e Medicus Mundi Catalunya, co apoio da Agència Catalana de Cooperació al Desenvolupament, iniciaron esta campaña a finais do 2005 en Cataluña que se seguirá desenvolvendo o longo do 2006 e 2007.
A campaña ten como obxectivo sensibilizar, informar e implicar activamente á poboación galega na consecución dos Obxectivos do Milenio en materia de saúde. Trátase de concienciar á sociedade de que a saúde e o acceso ós medicamentos debe ser unha realidade para toda a poboación mundial e que a solución está nas mans dos países desenvolvidos.
O curso está dirixido principalmente a estudiantes do ámbito sanitario, así coma estudantes de másters e estudos de postgrao en temas de saúde, cooperación ou políticas públicas. Nesta primeira xornada abordaranse, entre outros temas, o acceso a auga e o saneamento así como as políticas necesarias para que se reduzan as taxas de mortalidade infantil, ou a incidencia de enfermidades como o VIH e o paludismo.
Mañá continuarán as xornadas a partires das nove da mañá coa presentación do Informe Anual 2006 da Plataforma 2015 por Pablo Martínez. Ás dez e media abordarase a responsabilidade social corporativa na industria farmacéutica, rematando este seminario cunha mesa redonda as doce e cuarto onde se debaterá acerca da problemática das patentes no acceso aos medicamentos