FABIOLA SOTELO DESTACA A IMPORTANTE APOSTA DO SEU DEPARTAMENTO PARA QUE O SECTOR DA COOPERACIÓN "CAMIÑE CARA A SÚA PROFESIONALIZACIÓN"
A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, salientou hoxe a importante aposta do seu departamento para acadar que o sector da cooperación “camiñe cara a unha necesaria profesionalización”. Sotelo sinalou no acto de inauguración da terceira edición do Curso de Especialización en Cooperación Internacional ao Desenvolvemento da Universidade da Coruña, que unha das prioridades do departamento que dirixe é “fortalecer a tódolos actores do sistema galegos de cooperación, cunha especial dedicación ás universidades”, destacando que “promover a formación técnica e favorecer a creación de foros onde se poidan intercambiar experiencias, poden ser un bo xeito de acadar este obxectivo”.
Sotelo referiuse á importancia da implicación das universidades nas políticas de cooperación para o desenvolvemento, considerando imprescindible a súa capacidade de formación e investigación, de transferencia de coñecementos e do importante papel que desempeñan no ámbito da cooperación directa.
No acto estiveron tamén presentes o director do Centro de Comunicación, Investigación e Documentación Europa América - Latina de Madrid (CIDEAL), Manuel Gómez Galán, o Decano da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña, Eloy Rodríguez, o Vicerreitor de Estratexia e Planificación Económica, Ángel Fernández, e o director do curso, Jose Manuel Sobrino, quen destacou a aposta deste curso de especialización por introducir un enfoque aberto, a escala galega, das políticas de cooperación para o desenvolvemento.
Estudio sobre cooperación universitariaCo gallo de poñer en común e comezar a coordinar o importante número de iniciativas de cooperación que xorden e se desenvolven dende as universidades galegas, Sotelo anunciou que durante este ano levarase a cabo a elaboración dun estudo sobre cooperación universitaria e a realización dunhas primeiras xornadas que sirvan para “proporcionar ferramentas e incidir na coordinación e colaboración entre universidades”.
A directora xeral salientou que un dos retos do Plan Director da Cooperación Galega é acadar o maior impacto dos proxectos e garantir a súa sostibilidade, para isto, segundo destacou Sotelo, “é fundamental compartir a información, combatendo así a atomización e dispersión que ata o de agora caracterizou a cooperación impulsada dende Galicia”.
Formación de expertosEsta terceira edición do Curso de Especialización en Cooperación Internacional Desenvolvemento e Xestión das ONGD está organizado polo Instituto Universitario de Estudos Europeos “Salvador de Madariaga” da Universidade da Coruña e o CIDEAL, contando coa colaboración da Dirección Xeral de Cooperación Exterior e a Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC.
O seu obxectivo é formar expertos en cooperación internacional para o desenvolvemento que poidan traballar en centro públicos e privados, tanto nacionais como internacionais de cooperación para o desenvolvemento. Para isto, no curso que terá lugar ata o vindeiro mes de xullo, abordaranse temas como os eixes principais de actuación da cooperación, os actores implicados nas políticas de desenvolvemento ou a organización e xestión das ONGDS na práctica.