Novas de Cooperación Galega
19/10/2006
Xeral

FABIOLA SOTELO DESTACA O “INCREMENTO HISTÓRICO” DOS ORZAMENTOS DO GOBERNO GALEGO DEDICADOS Á COOPERACIÓN EXTERIOR PARA 2007

Fabiola Sotelo, directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, destacou esta mañá en Santiago o “incremento histórico” dos orzamentos da Administración autonómica para 2007 dedicados á loita contra a pobreza.

Na súa intervención sobre a perspectiva de xénero na cooperación, no marco do Congreso Mundial das Mulleres da Vía Campesiña. Labregas sementando a Igualdade, Sotelo felicitouse porque os orzamentos da Xunta para 2007 recollen un “incremento de preto do 40%” dos recursos destinados á cooperación para o desenvolvemento, o que supón “o maior empuxe da historia da cooperación galega” e converten ao seu departamento nun dos que máis medra para o ano que vén.

Fabiola Sotelo asegurou que “este aumento sen precedentes” amosa o ”compromiso” do Goberno galego e, nomeadamente do seu titular, Emilio Pérez Touriño, coa erradicación da pobreza e as súas causas.

Neste sentido, indicou que “o punto de partida deste departamento era moi baixo”, emprazando a Galicia na cola das comunidades no ranking das achegas a prol do desenvolvemento. Isto –manifestou- supón un esforzo maior aínda, pero remarcou que se está a traballar para dedicar, no horizonte de 2010, o 0,4% dos orzamentos da Xunta á loita contra a pobreza e o subdesenvolvemento e achegarnos ás metas fixadas a nivel español e internacional e á histórica reivindicación do 0,7%.

“Seguimos a ter moito traballo por diante” –dixo, e asegurou que “se están a potenciar as actuacións e a incrementar as achegas” tanto para programas nos países prioritarios e preferentes marcados polo Plan Director da Cooperación Galega, como para artellar unha “boa política de sensibilización” da poboación galega respecto deste traballo.

Perspectiva de xénero na cooperación ao desenvolvemento Fabiola Sotelo pronunciou esta mañá o relatorio inaugural da terceira xornada do Congreso Mundial da Vía Campesiña. Labregas Sementando Igualdade, que se está a celebrar dende o pasado mércores en Santiago de Compostela, coa participación de representantes de asociacións de mulleres rurais de todo o mundo. Na súa intervención, salientou que unha das maiores apostas do seu departamento, recollida no Plan Director da Cooperación Galega, é a “eliminación das diferenzas entre mulleres e homes para conseguir un desenvolvemento xusto e eficiente”.

Nesta liña, advertiu que “as mulleres están a ter un papel moi destacado nas accións de solidariedade e cooperación internacional, tanto en Galicia onde o traballo efectivo das ONG´s é realizado por mulleres, como no terreo onde tamén a maior parte das cooperantes son mulleres”. “Esta maior presenza obriga a fomentar non só a participación e a dirección real das mulleres nas políticas que executa, senón tamén a promover a participación masculina no traballo diario de cooperación, e non exclusivamente no campo da xestión, onde segue a ser maioritaria a presenza de varóns”, propuxo.

Sotelo lembrou que non hai moito que se conseguiu, na IV Conferencia Mundial sobre a Muller de Pekín en 1995, que se establecese o obxectivo da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres como un aspecto que debe influír sobre o conxunto de políticas e plans de desenvolvemento dos países, pasando de considerar as cuestións de xénero de xeito sectorial para abordalas dende unha perspectiva transversal.

Así, declarou que ao longo da súa xestión tivo ocasión de “comprobar como os proxectos a prol do desenvolvemento levados cabo por mulleres son exitosos nun 100%, mentres que os realizados por homes non rexistran este mesmo ratio de efectividade”. Fabiola Sotelo referiuse, neste sentido, á concesión do Premio Nobel da Paz a Muhammad Yunus pola súa iniciativa dos microcréditos, que benefician principalmente a mulleres “cuns resultados máis que positivos, demostrando que cando temos a posibilidade de desenvolver un proxecto, a nosa eficiencia e constancia son difíciles de superar”.

Sotelo aludiu, na súa intervención, á necesidade de traballar nas áreas de educación, saúde, violencia, emprego e participación política dentro das políticas de cooperación internacional para mudar a situación na que se encontra a muller nos países subdesenvolvidos ou en vías de desenvolvemento.

A educación centrou parte do seu discurso ao considerar que o acceso á formación “capacita ás mulleres para combater a exclusión e ter un papel activo na sociedade”  ao mesmo tempo que  “permite coñecer os seus dereitos  e loitar por defendelos”. Sotelo aludiu tamén á necesidade de “fomentar a continuidade da educación tanto a nivel secundario como universitario para que as mulleres poidan ser o motor de cambio das súas comunidades”.

Dende a Dirección Xeral de Cooperación Exterior son varios os proxectos que se están a apoiar no ámbito educativo. Na República Dominicana a través da Fundación Intered e o Centro Cultural Poveda de Santo Domingo estase a levar a cabo traballo de concienciación e orientación pedagóxica coas mestras e mestres de colexios públicos da cidade para a incorporación do enfoque de xénero á educación.

A saúde foi outro dos temas nos que Sotelo incidiu considerando imprescindible mellorar o acceso da muller á atención sanitaria sobre todo naqueles terreos nos que corre un maior risco como os controis do embarazo. Así expresou o compromiso do Goberno galego con políticas destinadas a previr a contracción de enfermidades de transmisión sexual e  coas accións encamiñadas a mellorar a seguridade alimentaria ou a diagnose precoz do cancro de útero ou mama. En Lima A Dirección Xeral de Cooperación Exterior participa no programa de comedores populares onde 25.000 mulleres asociadas están a poñer en marcha comedores populares onde cada día comen todas as nenas e nenos dos barrios das mulleres implicadas no proxecto.

A prevención e a erradicación da violencia de xénero nos seus diversos ámbitos é, segundo Sotelo, outro dos obxectivos que a cooperación para o desenvolvemento debe  tratar. Así as actividades están a centrarse no desenvolvemento de “programas de saúde que atendan de xeito integral as vítimas desta brutal manifestación de machismo”.

O acceso normalizado á vida laboral foi o eixo vertebrador da intervención de Sotelo no tocante o acceso da muller ao traballo. Centrouse especialmente no terreo das tarefas agrícolas onde “as mulleres constitúen entre o 60% e o 80% da poboación dedicada a estas labores” e sen embargo “son propietarias do 1% da terra dispoñible para o cultivo”. Apoiar o asociacionismo das mulleres rurais e incrementar a participación destas na toma de decisións son, en palabras de Sotelo “obxectivos a acadar co fin de que a muller goce dunha maior autonomía”.

A directora xeral referiuse aos proxectos que neste sentido se están a desenvolver co apoio da Xunta, en Mozambique e Senegal. Neste último país estase a financiar un proxecto no que unha comunidade de mulleres cunha formación básica comercializan de xeito local as capturas da pesca artesanal da zona, de xeito organizado e sostible.

Para finalizar incidiu na persistencia na maioría dos países dunha “relación desequilibrada entre a poboación feminina e a súa representación na esfera política” o que afecta “á hora de artellar os intereses das mulleres a través de procesos de representación nos órganos lexislativos” como explicou a propia directora xeral. 

O encontroEste congreso, organizado polo Sindicato Labrego Galego, a Coordinadora Labrega Europea e A Vía Campesiña, coa colaboración da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, a Secretaría Xeral de Igualdade e a Deputación da Coruña, están a participar máis de cen mulleres procedentes de Honduras, México, Nicaragua, República Dominicana, Brasil, Bolivia, Vietnam, Corea, India, EE.UU., Suecia, Noruega, Austria, Francia e Holanda, ademais das orixinarias de Galicia e España.

Trátase dun foro de encontro para analizar a situación na que viven e traballan as mulleres no medio rural en xeral, e as que se dedican a actividade agraria en particular. Con este encontro preténdese propiciar a formación das participantes no pensamento feminista e contribuír á cooperación entre delegacións e asociacións para articular a loita contra a violencia de xénero e a discriminación no acceso aos medios de produción, segundo explicou a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego Lidia Senra no acto de inauguración.