Novas de Cooperación Galega
04/06/2006
Xeral

FABIOLA SOTELO DESTACA O PAPEL DA MULLER NA LOITA CONTRA A POBREZA NA INAUGURACIÓN DO SEMINARIO DE ASOCIACIONISMO NO SECTOR DA PESCA E ACUICULTURA EN VIGO

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, destacou esta mañá en Vigo o “papel da muller” e o “necesario enfoque de xénero na loita contra a pobreza”. Sotelo asegurou que “os proxectos dirixidos e xestionados por mulleres son, con moita diferenza, os que máis garantía teñen de éxito na loita contra a pobreza” e salientou que “a pesca non é unha excepción”.

Fabiola Sotelo fixo estas declaracións na inauguración do Seminario Avanzado de Asociacionismo de Mulleres no sector da pesca e da acuicultura promovido pola Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI), pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia e organizado polo Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) e que se desenvolverá na cidade olívica ata o vindeiro 15 de xuño coa participación de 18 representantes de Administracións, institucións e organizacións pesqueiras de Santo Tomé e Príncipe, Guinea Ecuatorial, Cabo Verde, Guinea Bissau, Angola e Mozambique. Neste acto tamén participaron o director xeral de Cooperación con África, Asia e Europa Oriental da AECI, Ricardo Martínez Vázquez, e o director do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), Manuel Varela.

Na súa intervención, Fabiola Sotelo animou aos asistentes a este curso a implementar nos seus países de orixe “políticas que melloren o papel da muller no sector da pesca”. “En Galicia, dixo, o enfoque de xénero neste sector se ten abordado fomentando o asociacionismo e a agrupación de mulleres. É unha experiencia exitosa que cremos que pode ser aplicable nos vosos países”.

Sotelo subliñou que “a cooperación galega en materia pesqueira está recoñecida a nivel mundial pola súa calidade formativa e pola implicación do sector” e  puxo de manifesto a valía dos técnicos formados en cooperación pesqueira que participan neste seminario no que tamén participan universidades, empresas, confrarías, institutos de investigación e asociacións.

Cooperación pesqueira con 12 países de América Latina e ÁfricaAsí mesmo, renovou o compromiso da Xunta de Galicia na loita contra a pobreza, explicando que en 2006 a Dirección Xeral de Cooperación Exterior destinara o 11,44% do seu orzamento de cooperación internacional a proxectos do ámbito da pesca en 12 países de América Latina e África. En total, unha partida de 766.000 euros, que en 2007 se incrementará un 21% e incorporará novos países de actuación. Neste sentido, informou aos asistentes que “a maioría dos novos países de actuación están en África Subsahariana, varios deles nos vosos”.

Actividade formativa para fomentar o asociacionismo das mulleres na pesca Este seminario avanzado foi deseñado para fomentar o asociacionismo das mulleres nos sectores da pesca e da acuicultura en África. O programa está organizado dende un enfoque multidisciplinar, de xeito que se achegue unha visión completa sobre os principais factores a ter en conta no desenvolvemento do asociacionismo nestes dous sectores produtivos. Así mesmo,se terán en conta o punto de partida de cada un destes países africanos en canto ao papel desenvolvido pola muller. O cadro de formadores está integrado por especialistas procedentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, do mundo universitario e empresarial.

Como actividade complementaria á formación teórica se realizarán visitas guiadas, obradoiros prácticos e mesas redondas de debate e consulta. Así, terán ocasión de visitar a Axencia de Desenvolvemento Local de Galicia, o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA) e diversas instalacións de cultivo de ostra, unha lonxa, unha confraría de pescadores e asociacións de redeiras.

O seminario permitirá aos participantes establecer relacións institucionais e persoais que poden contribuír no futuro a mellorar a cooperación na rexión para favorecer a aplicación de estratexias de desenvolvemento social vinculadas á pesca e a acuicultura. Programa NAUTA.

Esta actividade enmárcase no programa NAUTA, posto en marcha pola AECI para a cooperación ao desenvolvemento sostible no sector pesqueiro en África. Nel participan tamén os Ministerios de Traballo e Asuntos Sociais, de Agricultura Pesca e Alimentación, de Educación e Ciencia, de Economía e Facenda, ademais das Comunidades Autónomas de Galicia, Andalucía e Canarias.Funcionarios e asociacións.

Participan neste seminario un total de 18 persoas, entre membros de organizacións de mulleres, universidades e administracións de pesca destes seis países africanos. A maioría dos asistentes, o 61%, son mulleres.