Novas de Cooperación Galega
02/10/2006
Xeral

FABIOLA SOTELO E O SECRETARIO DE ESTADO DE AGRICULTURA E GANDERÍA DE HONDURAS ANALIZAN VÍAS DE COOPERACIÓN EN INVESTIGACIÓN PESQUEIRA

 A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, reuniuse hoxe co secretario de Estado de Agricultura e Gandería de Honduras, Héctor Hernández, con quen analizou posibles vías de cooperación en investigación pesqueira e lle amosou a total dispoñibilidade da Xunta para colaborar nesta materia co país centroamericano achegando a experiencia que Galicia ten neste eido. Neste encontro tamén participou Oscar García, director do Instituto de Acuicultura da Universidade de Santiago de Compostela.

Segundo analizaron no encontro desta mañá, entre os proxectos nos que se poderían abrir vías de colaboración entre ambos países destacan aqueles centrados no terreo da investigación, deste xeito Hernández incidiu na necesidade de crear laboratorios nas principais zonas pesqueiras de xeito que se poida avaliar a calidade dos produtos para o consumo humano.

Tamén considerou factible a especialización de biólogos hondureños en Galicia,que unha vez formados regresaran ao seu país permitindo así a capacitación de máis técnicos naquela rexión. O ministro avogou tamén por analizar a posibilidade de introducir outras especies distintas da tilapia, que poidan adaptarse as condicións das augas hondureñas. Trátase de diversificar tanto o mercado interno como as exportacións.

Proxectos en HondurasA Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior e en colaboración coa Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI) está a participar no país centroamericano nun proxecto relacionado co sector da pesca integrado no plan de cooperación Pesca en Centroamérica. En concreto na cidade de Tegucigalpa estase levando a cabo a creación das infraestruturas necesarias para a recepción, manipulación, almacenamento e distribución dos produtos pesqueiros, onde se apliquen correctamente todas as normativas hixiénicas básicas indispensables para o consumo humano.

Os proxectos financiados conxuntamente pola Xunta e a AECI están encamiñados a mellorar as condicións de todo o proceso de produción dende a extracción ao manexo a bordo, así como a distribución, comercialización e venda dos produtos da pesca artesanal, principalmente seleccionando aquelas áreas que sirvan para mellorar a formación dos pescadores.

Ademais de proxectos relacionados co sector pesqueiro, a Dirección Xeral de Cooperación Exterior está a financiar con 109.000 euros un programa no que se pretende impulsar na comunidade de Mocalempa, un modelo de desenvolvemento económico local que con participación activa das mulleres mellore as condicións de vida da poboación máis vulnerable.