Novas de Cooperación Galega
13/11/2005
Xeral

FABIOLA SOTELO ESTUDIA VÍAS DE COOPERACIÓN CUNHA REPRESENTACIÓN DE MULLERES INDÍXENAS LATINOAMERICANAS

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, reuniuse esta mañá cunha representación de mulleres rurais de Arxentina, Bolivia, Colombia, Ecuador e México para analizar diferentes vías de colaboración nos proxectos que están a desenvolver nos seus países de orixe.

Fabiola Sotelo recibiu no seu despacho á delegación integrada por Eliana Catalán Lincoleo do Pobo Mapuche (Arxentina) e membro da Asociación nacional de Mulleres Rurais e Indíxenas ANAMURI; Nemesia Achacollo Tola, membro da secretaría nacional da Federación nacional de Mulleres Camponesas Bartolina Sisa (Bolivia); Luz Mery Panché Chocué, membro da Federación Sindical Unitaria Agropecuaria (FENSUAGRO) de Colombia; Carolina Mite de la Torre, dirixenta de Muller e Familia da Confederación de Nacionalidades Indíxenas do Ecuador, e Soledad Ortiz, membro do Comité de Defensa dos Dereitos do Povo-Organizacíon Nacional do Poder Popular (Oaxaca, México).

Esta xuntanza constitúe a primeira toma de contacto entre as representantes indíxenas latinoamericanas e a directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia. Nela presentáronlle a Fabiola Sotelo os proxectos que están a desenvolver tanto individualmente como en conxunto e analizaron a posibilidade de establecer liñas colaboración coa Administración autonómica galega.

Programa en GaliciaEstas representantes dos colectivos indíxenas están en Galicia convidadas polo Comité de Solidariedade con América Latina. Estes días están a participar en diferentes charlas coloquio en Santiago de Compostela e Vigo para dar a coñecer a súa realidade, cultura e necesidades. Esta mesma tarde estarán na Facultade de Historia de Santiago de Compostela.